Traballadores da CRTVG demandan a compañía polas inspeccións do correo persoal

Rolda de prensa na que se anunciou a presentación da demanda ante o TSXG © CUT

O pasado 10 de xaneiro o director da CRTVG asinou unha normativa que lle permite á empresa vixiar os sitios web que consultan os traballadores e traballadoras e tamén ler as mensaxes que envían e reciben nas súas contas corporativas de correo electrónico. A compañía xustificou esta medida no obxectivo de "protexer a información da organización e o bo desenvolvemento da súa actividade" e Alfonso Sánchez Izquierdo, cando foi interpelado no Parlamento por esta decisión, defendeu que é unha práctica habitual en moitas empresas.

Porén, dende un inicio a medida xerou un forte rexeitamento entre os traballadores e traballadoras da compañía, que de inmediato denunciaron que supuña un ataque á súa liberdade sindical, ao seu dereito á intimidade e que violaba o segredo das comunicacións. Ademais, os e as xornalistas da TVG sinalaban que a empresa conculcaba deste xeito a liberdade de prensa, o segredo profesional e a confidencialidade das fontes de información.

Este mércores a CUT, sindicato maioritario no Comité de Empresa, anunciou que vén de presentar unha demanda de conflito colectivo ante o TSXG por esta norma interna, por considerala un "exercicio abusivo do control empresarial". “Haberá que chegar até onde haxa que chegar con esta demanda, o noso compromiso ético-sindical é este, non nos importa quen se poña en fronte, nós xa demos o noso paso adiante”, sinalou Raquel Lema, responsable da CUT na CRTVG.

Para a CUT esta medida responde á preocupación da dirección do ente ante a crecente actividade de denuncia que os e as traballadoras están a realizar "dunha política sistemática de manipulación informativa que xa fede”

O sindicato reiterou unha vez máis que esta medida responde á preocupación da dirección do ente ante a crecente actividade de denuncia que os e as traballadoras están a realizar, por exemplo a través do blogue Eu non manipulo, "dunha política sistemática de manipulación informativa que xa fede”. E rexeitou as xustificacións ofrecidas pola compañia para levar a cabo a monitorización das páxinas web visitadas polos traballadores (certificar que o uso de internet "se limita aos temas directamente relacionados" cos "cometidos do posto de traballo" e que non se introducen na rede "contidos obscenos, inmorais ou ofensivos e, en xeral, carentes de utilidade para os obxectivos da CRTVG") e a espionaxe do correo electrónico (comprobar que se utiliza para "a realización de actividades que estean directamente relacionadas coas funcións do posto de traballo").

“Quen pode, por exemplo, confiar nunha xornalista do medio para realizar unha denuncia de corrupción política confidencial e contrastada en calquera calquera Concello do PP"

Consideran que a medida posta en marcha pola empresa, ademais de "establecer un réxime de terror no que as pautas contidas na Resolución están redactadas dunha maneira tan ambigua que provocan pánico a posíbeis sancións entre o cadro de persoal”, pretenden limitar a capacidade dos e das xornalistas de investigar e publicar asuntos incómodos para o Partido Popular: “Quen pode, por exemplo, confiar nunha xornalista do medio para realizar unha denuncia de corrupción política confidencial e contrastada en calquera calquera Concello do PP cando todas as súas comunicacións están á vista de Dirección Xeral, principal adalide do partido no Goberno neste centro de traballo?”, sinala Lema. O sindicato conclúe que a norma aprobada constitúe “unha volta á Idade Media para todos os traballadores e traballadoras".

Rolda de prensa na que se anunciou a presentación da demanda ante o TSXG © CUT
Sánchez Izquierdo, no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.