Tres presidentes de mesas electorais de Pontevedra enfróntanse á cadea ou multas por non presentarse o 28A

Urnas nun colexio electoral o pasado domingo CC-BY-SA EC

A Xunta Electoral comunica á Fiscalía que os citados non avisaron da súa ausencia e sinala que a lei prevé prisión de tres meses a un ano ou multa de 6 a 24 meses

A Xunta Electoral vai comunicar á Fiscalía de Pontevedra a ausencia nas eleccións do pasado domingo de tres presidentes de mesa “que non escusaron nin avisaron da súa ausencia, nin á Xunta Electoral de Zona nin á propia mesa”, comportamento que, lembra ese organismo, é castigado penalmente con prisión de tres meses a un ano ou multa de 6 a 24 meses. Un ingreso en prisión que podería facilitarse no caso de que os implicados tivesen antecedentes penais. 

A Xunta Electoral de Zona de Pontevedra indica que durante a xornada electoral constituíronse un total de 348 mesas electorais en Pontevedra capital e a súa zona electoral, pero tres presidentes de mesa “non escusaron nin avisaron da súa ausencia”. A Xunta Electoral lembra que a lei electoral, no seu artigo 143, “castiga penalmente ao presidente e os vogais das mesas electorais, así como aos seus respectivos suplentes, que deixen de concorrer a desempeñar as súas funcións, as abandonen sen causa lexígima ou incumpran sen causa xustificada as obrigas de escusa ou aviso previo”. Ante esa ausencia sen aviso previo por parte dos citados, a Xunta Electoral lembra que se enfrontan ás anteditas sancións penais.

A Xunta Electoral gaba aos que "debidamente compareceron e cumpriron coas súas obrigas legais e cívicas, non obstaculizándose o proceso electoral"

A Xunta Electoral salienta que esas ausencias foron suplidas con normalidade polos suplentes das mesas “que debidamente compareceron e cumpriron coas súas obrigas legais e cívicas, non obstaculizándose o proceso electoral, que discorreu dentro de parámetros de total normalidade”. 

Urnas electorais Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.