Tsipras: "Ante o autoritarismo da austeridade, responderemos con democracia"

Intervención de Alexis Tsipras ante a prensa alemá, esta semana CC-BY-SA European Council

Hai discursos que cambian o rumbo da historia, coma os momentos estelares de Stefan Zweig. Para ben ou para mal, a decisión do Goberno grego de someter a referendo a última oferta realizada pola troika para fornecer de liquidez a unha economía abafada pola débeda vai ter importante consecuencias que van máis aló de Grecia e máis aló da economía, e que atinxen a toda a política europea. A curto e, se cadra, a medio e longo prazo. 

O Parlamento grego vota este sábado ao mediodía a proposta, que debe recibir 151 votos favorables (que suman as forzas do goberno, Syriza e ANEL)

Despois de días de tirapuxas, nos que Atenas chegou a realizar importantes cesións que mesmo puxeron en risco a unidade de Syriza, e sen que o FMI amosase signos de flexibilidade ou de querer sequera considerar unha restruturación ou unha quita parcial da débeda, o Goberno grego decidiu dar un paso á fronte e recuperar a iniciativa. Someterá á opinión da cidadanía a última oferta presentada pola troika, que suporía recortes moi importantes nos soldos públicos, nas pensións ou unha suba do IVE. No discurso no que Tsipras anunciou o referendo (traducido ao galego por Somos Ninguén) o primeiro ministro grego amósase moi crítico coa proposta do FMI e coa actitude mantida, denunciando "a chantaxe do ultimátum que nos pide que aceptemos unha austeridade severa e degradante sen fin e sen perspectivas de recuperación económica e social". E aínda que non o explicita, dá a entender que o seu goberno e Syriza farán campaña polo non. 

O Parlamento grego vota este sábado ao mediodía a proposta, que debe recibir 151 votos favorables (que suman as forzas do goberno, Syriza e ANEL). Á espera de que se coñezan enquisas de opinión específicas sobre esta convocatoria, a máis recente sondaxe electoral publicada en Grecia amosaba que o apoio a Syriza creceu dez puntos dende as eleccións de xaneiro, acadando un 47% dos apoios. Ademais, outras forzas, coma os Gregos Independentes, rexeitan as propostas do acordo. Pola contra, as forzas de centro e dereita (Pasok, To Potami e Nova Democracia, que sumarían nestes momentos un 33% dos votos) critican a convocatoria e piden a dimisión do Goberno. Cómpre lembrar que en 2011 o aínda primeiro ministro Yorgos Papandreu propuxo un referendo sobre o plan de rescate proposto pola Comisión Europea, unha consulta que non chegou a realizarse polas presións da UE.

Tsipras amósase moi crítico coa proposta, que cualifica de "chantaxe" e "ultimátum" que "nos pide que aceptemos unha austeridade severa e degradante sen fin e sen perspectivas de recuperación económica e social"

O Eurogrupo afirma que "aínda é posible" un acordo e temen as consecuencias que podería provocar un impago ao FMI, cuxo prazo vence o martes. Tsipras solicitoulles xa aos líderes e institucións da UE que extendan por uns días o actual programa "para que o pobo grego poida decidir libre de calquera presión ou chantaxe, como o esixe a Constitución do noso país e a tradición democrática de Europa". Holanda xa rexeitou esta petición, unha mostra de que a maior parte dos gobernos europeos van opoñer todos os obstáculos posibles ante o desafío iniciado por Grecia.

Lonxe do dramatismo amosado por algúns dirixentes políticos e medios de comunicación, o número 2 do goberno alemán, o socialdemócrata Sigmar Gabriel, apoiou publicamente a convocatoria da consulta sempre que se lles presente "con claridade" aos cidadáns a oferta europea de axuda e o plan de axustes demandado. Pola súa banda, o ministro de Economía Yanis Varoufakis publicou un tuit no que destaca que "a democracia merece un impulso" no ámbito da política europea. "Acabamos de darllo", di. "Deixemos que a xente decida. É gracioso o radical que soa este concepto!", engade Varoufakis.

 

O discurso de Tsipras

Na súa intervención, dirixida ao pobo grego, Alexis Tsipras ofrece a súa visión sobre o desenvolvemento das negociacións cos acredores do país nos últimos meses, "unha batalla en condicións de asfixia económica sen precedentes" que rematou nun "ultimátum á democracia grega e ao pobo grego". "Pedíronlle ao goberno grego que aceptase unha proposta que inclúe unha nova carga insostible para o pobo grego e que socava a recuperación da economía e da sociedade grega (...) A proposta das institucións inclúe medidas que conducen á desregulación do mercado de traballo, recortes nas pensións, máis reducións nos salarios do sector público e un incremento do IVE", explica. Unhas propostas que "violan directamente os dereitos sociais fundamentais europeos" e que supoñen "a humillación do pobo grego todo".

Tsipras afirma que as propostas "violan directamente os dereitos sociais fundamentais europeos" e supoñen "a humillación do pobo grego todo"

No seu discurso Tsipras non fixa de forma concluínte a súa posición, pero amósase moi crítico coa proposta, que cualifica de "chantaxe" e "ultimátum" que "nos pide que aceptemos unha austeridade severa e degradante sen fin e sen perspectivas de recuperación económica e social". "Pídovos que respondades de maneira soberana e orgullosa, como nos manda a historia do pobo grego. Ante o autoritarismo e a dureza da austeridade, responderemos con democracia, con calma e con decisión. Grecia é o berce da democracia e vai enviar unha resposta contundente e democrática a Europa e ao mundo", destaca.

"En Europa non hai propietarios e hóspedes. Sen democracia, Europa será unha Europa sen identidade e sen rumbo"

O primeiro ministro grego comprométese a acatar o resultado que saia das urnas e afirma que a escolla do pobo grego "enviará unha mensaxe de dignidade ao mundo". "Nestes momentos críticos, temos que lembrar todos que Europa é o fogar común dos pobos. Que en Europa non hai propietarios e hóspedes. Grecia é, e seguirá a ser, unha parte integrante de Europa e Europa unha parte integrante de Grecia. Pero sen democracia, Europa será unha Europa sen identidade e sen rumbo", engade apelando á defensa da "dignidade e a soberanía do noso pobo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.