Un comité de antiabortistas para darlle o si á contrarreforma de Ruiz-Gallardón

Integrantes do Comité de Bioética © Comité de Bioética

Antes de chegar ao Congreso para ser debatida, votarse e converterse en lei, a reforma do aborto de Gallardón pasa por mans de asociacións e entidades como o Comité de Bioética, un organismo público, en teoría independente, que xa emitiu un informe favorable sobre a nova norma. Grazas ao atraso na aprobación da lei (o Goberno prometeuna inicialmente para outono de 2012), os encargados de valorar a medida (o Anteproxecto de Lei Orgánica de protección da vida do concibido e dereitos da muller embarazada) foron os membros máis recentes, moito máis  próximos ás posicións do PP que os que formaban a composición anterior do comité.

A Ministra de Sanidade, Ana Mato, asinou o 19 de decembro de 2012 unha orde para renovar aos membros do Comité de Bioética unha vez expirados o catro anos no cargo dos anteriores. A elección dos seus 12 compoñentes repártese a medias entre as comunidades autónomas e o Goberno, a través dos ministerios implicados ( Economía, Sanidade -que elixe a tres-, Xustiza e Industria). En total, polo menos 7 dos 12 elixidos declaráronse abertamente antiabortistas.

Designados polo Goberno

A elección dos ministerios de Economía e de Sanidade permiten a Carlos Alonso Bedate e a César Nombela Cano, que xa formaban parte do equipo anterior, permanecer, catro anos máis, no comité. Ambos foron as únicas voces discrepantes cando o comité avalou a reforma do aborto de José Luís Rodríguez Zapatero en 2009. Alonso, licenciado en filosofía, teoloxía e bioloxía, manifestou que era unha norma "eticamente inaceptable".

Nombela, pola súa banda, emitiu un voto particular en contra da decisión do comité. Catedrático en Microbiología, expresidente do CSIC e reitor da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), é un dos promotores do manifesto de Madrid de 2009 contra a lei socialista, asesor do Museo da vida de Barcelona, unha especie de exposición permanente sobre os males do aborto, e firme detractor da eutanasia e da interrupción do embarazo en todos os supostos.

A presidenta do Comité vicepresidiu a Fundación Acción Familiar

Comparte a súa postura Natalia López Moratalla, presidenta da Asociación Española de Bioética. De feito, a asociación que preside xa se mostrou favorable á reforma. A presidenta do Comité de Bioética é María Teresa López López, que foi vicepresidenta da Fundación Acción Familiar, unha entidade conservadora que xa defendeu a reforma de Gallardón nun comunicado. Aínda que xa non ten cargo formal na organización, López mantén o seu vínculo: dirixe a Cátedra Extraordinaria de Políticas de Familia da Universidade Complutense-Acción Familiar.

Acompáñaos José Miguel Serrano Ruiz-Calderón, profesor de Filosofía do Dereito na Universidade Complutense de Madrid e vogal da xunta directiva da Asociación Bioética da Comunidade de Madrid, con posicións claramente contrarias á investigación con células nai e a mesma postura ante o aborto que a asociación estatal. Fidel Cadena Serrano , fiscal do Tribunal Supremo, completa a rolda de seis membros nomeados polo Goberno. Unha curiosidade: Cadena foi nomeado fiscal o mesmo día que o agora ministro Gallardón.

Designados polas comunidades autónomas

Entre os designados polas comunidades autónomas, con maioría popular, atopamos a Nicolás Jouve de la Barreda, catedrático de Xenética e impulsor tamén do manifesto de Madrid en 2009 contra a reforma da lei do aborto do PSOE. Ademais, Jouvé é cofundador e presidente de Cívica, a "Asociación de Investigadores e Profesionais pola vida". Aínda que o título xa adianta por onde van os tiros, a páxina web deixa clara a súa postura: inclúe un contador de nenos mortos por abortos ao minuto. Ademais, Jouvé é asesor da empresa Vidacord, que se autodefine como o " primeiro banco de células nai procedentes do sangue do cordón umbilical".

Un dos membros pertence a unha asociación que inclúe na súa web un "contador de nenos mortos"

Acompáñaos Vicente Bellver Capella, profesor de Filosofía e Dereito e abertamente contrario á investigación con células nai e o aborto; Federico de Montalvo, avogado e profesor da Universidade Pontificia de Comillas, que exerce de vicepresidente; e Manuel de los Reyes López, cardiólogo e membro de honra da Asociación de Bioética fundamental e clínica.

Os outros dous designados polas comunidades son Carlos Romeo Casabona, director da cátedra de Dereito e Xenoma Humano da Universidade do País Vasco e un do tres membros que permanece no comité tras o baile de cadeiras xunto a Alonso e Nombela. Tamén se atopa Pablo Ignacio Fernández Muñiz, médico, que foi suplente na lista electoral do PSOE para Avilés en 2007. Ambos son os únicos avalados por comunidades autónomas socialistas.

Integrantes do Comité de Bioética © Comité de Bioética

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.