O propio do día despois da consecución dunha folgada maioría absoluta. Este era o ambiente imperante no seo do PP galego este martes, o día despois de que Alberto Núñez Feijóo confirmase a súa renuncia a participar na carreira sucesoria aberta na cúpula estatal do partido tras a dimisión de Mariano Rajoy. O clima de máxima tensión co que os conservadores galegos chegaron á xunta directiva que Feijóo convocou de urxencia o luns para dar a coñecer a súa decisión foi substituído por unha euforia desencadeada -con escasas excepcións, entre elas, a do propio presidente- e, xa no día despois, por un ton exultante combinado coa mofa cara a En Marea, PSdeG e BNG.
Mentres, en Madrid e Toledo, Soraya Sáenz de Santamaría e María Dolores de Cospedal confirmaban cadansúas candidaturas á presidencia do PP, en Santiago comezaba un pleno do Parlamento marcado polo acontecido menos de vinte e catro horas antes. Tras unha noite na que numerosos dirixentes do partido en Galicia multiplicaron a súa ledicia a través das redes sociais mentres na prensa madrileña cundía o estupor, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, deu en comparecer ante a prensa nos corredores do Pazo do Hórreo para valorar o novo escenario e multiplicar os eloxios a Feijóo. "É o noso líder, o noso referente, a peza fundamental do noso proxecto", "recoñecido dentro e fóra do PP, dentro e fóra de Galicia".
Tellado (PP) insta os "líderes mediocres" da oposición a asumir que hai "Feijóo para rato" e "teñen que roelo, é o que lles toca"
Alén das gabanzas a quen seguirá sendo o seu xefe de filas, a quen tanto nas devanditas declaracións como nunha entrevista previa na Radio Galega deu en suxerir a necesidade dunha cuarta candidatura á Xunta, Tellado detívose especialmente en mofarse dos grupos da esquerda. "Albergaban o desexo de que Feijóo marchase" pero "teñen que roelo, é o que lles toca" porque hai "Feijóo para rato" fronte a "líderes mediocres como Ana Pontón, Luís Villares ou ese señor que lidera o PSdeG e que os galegos nin saben o seu nome", caricaturizou en referencia a Gonzalo Caballero, secretario xeral do socialistas.
"Disgustados", "chafados" ou "sen rumbo" foron outras das expresións que Tellado dedicou a uns grupos da oposición sen a "sorte" de contar cun liderado como o do titular do Goberno galego. Mentres, na banda esquerda a interpretación é ben diferente. Como xa sinalaran tras a comparecencia de Feijóo no serán do luns, En Marea, PSdeG e BNG coidan que o presidente non queda en Galicia por amor ao país, senón por temor ao complicado panorama electoral que o PP ten por diante en España e tamén, afirman, a posibles informacións comprometedoras que puidesen obstaculizar a súa proxección estatal como eventual líder da oposición ao Executivo de Pedro Sánchez.
"Non era o merlo branco e en Galicia xa o sabiamos"
"Non era o merlo branco do PP, en Galicia xa o sabiamos", ironizou no nome de En Marea o seu voceiro, Luís Villares, quen alude a unha "mochila" de "financiamento ilegal, corrupción, amizades perigosas e recortes" como causa da renuncia de Feijóo a competir por remudar a Rajoy. "Non o queren no seu partido", pero Galicia "non é o premio de consolación de ninguén" e por iso, afirma, a fin do seu "ciclo político" non vai chegar por un movemento interno no PP. Ben ao contrario, augura, "será derrotado nas urnas, como Fraga" no ano 2005.
En Marea, PSdeG e BNG coidan que o presidente non queda en Galicia por amor ao país, senón por temor ao complicado panorama electoral que o PP ten por diante en España e tamén, afirman, a posibles informacións comprometedoras
Tampouco Caballero ve "convincente" que Feijóo "tente xustificar a súa decisión" co "compromiso con Galicia" despois de "estar a pensar durante semanas que facer coa súa carreira política". Alén de que no PP non vexan "adecuada" a "figura política" do actual presdiente galego para "abrir un proceso de rexeneración", o secretario xeral do PSdeG coida que os "movementos de cambio" van máis alá e chegan a Galicia. "Igual que permitimos un cambio de ciclo pola esquerda en España, os socialistas estamos traballando arreo para facer o propio en Galicia", máis aínda fronte a un Feijóo sen "proxecto para Galicia", cre.
Dende o BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, lamenta que o presidente quedase en Galicia por "descarte". Con independencia da "lexitimidade" para concorrer ou non a un proceso interno do seu partido, Pontón ve unha "falta de respecto" o acontecido nas últimas semanas, coa dinámica da Xunta supeditada á "axenda persoal" do presidente. En calquera caso, a líder soberanista tampouco ve o "compromiso" co país entre as causas da decisión presidencial. Máis ben, di, o temor a facer unha "travesía no deserto" eser a "cara" do "batacazo" que vai levar o PP tras a súa "condena por corrupción" no caso Gürtel, di.