Un manifesto apoia desde Galicia o dereito a decidir de Catalunya

Manifestación na Diada CC-BY-NC-ND Anna Fuster

Máis de 800 sinaturas de persoas procedentes do mundo da política, do sindicalismo, da cultura ou da universidade galega apoiaron xa nun manifesto o "dereito a decidir" do pobo catalán e mostráronse así a través do texto "solidarias" coa iniciativa de Catalunya de someter a referendo a permanencia ou non no Estado español.

O comunicado xorde como reacción "desde Galicia e a esquerda" á publicación dun manifesto nun diario estatal que "chamaba á mobilización pública española contra o desexo de someter a referendo a permanencia ou non de Catalunya no Estado". Entre os asinantes atópanse políticos como dirixentes do BNG-a deputada Carme Adán, o presidente da Fundación Galiza Sempre, Xesús Veiga, ou a eurodeputada Ana Miranda-,  o voceiro de Anova, Xosé Manuel Beiras, o catedrático de Economía Xavier Vence ou o exalcalde vigués Lois Pérez Castrillo. Pero tamén hai sinaturas chegadas co mundo da cultura como Teresa Moure, Margarita Ledo, Uxio Novoneyra Rey, Lois Diéguez, Xurxo Borrazás, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xosé Antón Pedreira Mirás, Lino Braxe, Marta Dacosta ou Francisco Pillado, entre outras como as do historiador Bernardo Máiz ou a de Carlos Xesús Varela Aenlle, académico correspondente da RAG en Asturias.

"A discrepancia coa política económica e social de Artur Mas non debe servir como desculpa por parte de ningunha persoa de esquerdas para oporse ao dereito a decidir"

No devandito manifesto, que aclara chegar "desde a esquerda e desde unha nación enmarcada no referido Estado", os asinantes deixan clara a súa posición "fronte aos ataques e a favor do proceso soberano que o pobo catalán ten decidido pór en marcha", advertindo de que "a discrepancia coa política económica e social de Artur Mas non debe servir como desculpa por parte de ningunha persoa que se considera de esquerdas para oporse ao dereito a decidir".

Xa que logo, o texto asegura que "dicir que se usa a crise como subterfuxio para axitar o independentismo, e non percibir a ofensiva centralizadora que se comete como a coartada da quebra democrática, é tan manipulador como a imputación que se lle fai a CiU de empregar o soberanismo como cortina de fume para ocultar a súa xestión".

"A esquerda que non botou man do federalismo tras a ditadura para oporse a un sistema centralista non está lexitimada para facelo contra os anhelos de independencia"

Os asinantes consideran que a esquerda "que non botou man do federalismo tras a ditadura franquista para oporse a un sistema político e centralista", non está "lexitimada para facelo contra os anhelos de independencia que poidan existir". "Algunha responsabilidade terán os que agora se acordan do federalismo e daquela non o defenderon", lamenta en relación á redacción da Constitución do 78.

O comunicado lembra ademais que Catalunya buscou lecturas da Constitución que "permitisen avances no recoñecemento do carácter plurinacional do Estado", pero o "cepillado das Cortes e o uso partidista do Tribunal Constitucional botaron por terra calquera intento de abrir o actual marco xurídico".

Do mesmo xeito, o texto critica o "negacionismo respecto da historia das agresións do Estado español contra Catalunya" e avisa de que "é falso que non se alimentase e alimente a aversión contra Catalunya -tamén, aínda que doutra forma, contra Galicia e Euskadi-, por moito que se poña a venda antes da ferida".

"Mentres non se recoñeza a realidade plurinacional do Estado e o dereito a decidir dos pobos, o sistema político español non será plenamente democrático"

Por todo isto, conclúe que é "evidente o esgotamento desta vía" e advirte de que "mentres que non se recoñeza a realidade plurinacional do Estado e o dereito a decidir dos distintos pobos que o configuran, o sistema político español non será plenamente democrático". Para este grupo de persoas, a "campaña contra a soberanía" de Catalunya debería ter "na esquerda difícil asento pola súa tradición, xustamente, democrática". "Parécenos que chamar ás forzas democráticas a impedir o dereito a decidir do pobo catalán non é compatible con dicirse de esquerdas e tampouco demócratas", aseguran.

"Por todo isto, desde Galicia, desde a esquerda e como demócratas, defendemos o dereito a decidir e apoiamos que Catalunya poida someter a referendo a súa permanencia ou non no Estado español, tomando as determinacións que estime oportunas en relación ao seu presente e futuro", finaliza o documento.

Dúas mozas, na manifestación da Diada CC-BY-NC-ND Fotomovimiento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.