No caso de que a situación non se restableza ao longo da fin de semana, este luns 22 A Coruña declarará a emerxencia sanitaria co obxectivo de "contratar de maneira urxente os servizos precisos para acometer os traballos de recollida de lixo de maneira excepcional"
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou esta mañá que o Concello realizará a contratación "excepcional" dunha nova empresa de recollida do lixo mediante a declaración da emerxencia sanitaria se nun prazo de 72 horas a cidade non está en "condicións óptimas de salubridade".
O conflito do lixo na cidade, iniciado nos días próximos á festa de San Xoán, está a piques de chegar a un mes de duración sen que de momento se vise próxima unha solución. Enormes cantidades de residuos acumúlanse nas rúas nunha situación na que máis importante que unha folga intermitente convocada polo sindicato STL son as outras medidas de presión aplicadas por este sindicato, dende unha sucesión de baixas médicas ou a posta en marcha de folgas de celo. Así mesmo, ducias de contedores foron queimados na cidade nas últimas semanas.
A contratación levaríase a cabo polo trámite de urxencia, que establece un prazo mínimo de 24 horas para solicitar orzamentos ás posibles adxudicatarias
Este venres a rexedora da Coruña anunciou a adopción de medidas nos vindeiros días, despois de reunirse con
representantes da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña, aos que adiantou o posterior anuncio. O Goberno local enviou este venres un requirimento á concesionaria da recollida do lixo para que, nun prazo máximo de 72 horas, "tome as medidas necesarias para devolver o servizo á normalidade e garantir as condicións óptimas de salubridade na cidade".
No caso de que non se cumpra este requisito, este luns 22 a alcaldesa declarará a emerxencia sanitaria co obxectivo de "contratar de maneira urxente os servizos precisos para acometer os traballos de recollida de lixo de maneira excepcional". Esta declaración de emerxencia sanitarias permitiría o propio luns iniciar os trámites de contratación e acelerar ao máximo os prazos. A contratación levaríase a cabo polo trámite de urxencia, que establece un prazo mínimo de 24 horas para solicitar orzamentos ás posibles adxudicatarias.
Inés Rey subliñou que "é imprescindible actuar con firmeza e determinación ante o que está a ser unha chantaxe á cidade"
Na súa intervención ante os medios, Inés Rey subliñou que "é imprescindible actuar con firmeza e determinación ante o que está a ser unha chantaxe á cidade", destacando que a folga impulsada polo STL non está centrada "nos dereitos dos traballadores". "O máis cómodo sería ceder, como se fixo os últimos 18 anos, retirar as sancións e volta a empezar", dixo a rexedora, que critica "prácticas de carácter violento que poñen en risco á cidade" e manifesta "todo o apoio" ao persoal que "vive nun réxime de medo" por non secundar o STL.
Cómpre lembrar que o Sindicato de Trabajadores de la Limpieza (STL), unha organización cuxos dirixentes están a ser investigados por unha presunta trama de corrupción e que protagonizou nos últimos anos conflitos semellantes a través de folgas (declaradas e encubertas).
“Tomo estas medidas neste momento por ser cando se dan as condicións sanitarias, medio ambientais e legais para poder facelo e en condicións de seguridade xurídica”, sinalou Rey
A folga iniciada polo STL, cando menos sobre o papel, non é indefinida. As convocatorias son intermitentes (por exemplo, para a semana vindeira advertiron de tres días de paro), pero o lixo acumulado é permanente, a efectos prácticos. O STL advertiu que si pasaría a ser continua dende o 1 de agosto se a empresa concesionaria Prezero e o Concello non respondían ás súas demandas, que van medrando e agora inclúen unha ameaza de adiantar o comezo do paro indefinido ao 28 de xullo.
A alcaldesa destaca que as accións anunciadas buscan “evitar que nos atopemos nesta situación cada tres meses, como leva pasando os últimos 18 anos”
“Tomo estas medidas neste momento por ser cando se dan as condicións sanitarias, medio ambientais e legais para poder facelo e en condicións de seguridade xurídica”, sinalou Inés Rey. A rexedora explicou que desde o Concello se estivo traballando e recompilando toda a información posible durante as últimas semanas para poder tomar estas medidas excepcionais con garantías legais. “Durante estas últimas semanas reunimos todas as probas con informes policiais e medio ambientais e solicitamos informes xurídicos para garantir que o que hoxe anunciamos é o correcto e non admite discusión”, sinalou Rey.
A rexedora engade que as accións anunciadas buscan “evitar que nos atopemos nesta situación cada tres meses, como leva pasando os últimos 18 anos”. Así mesmo, lamentou as molestias ocasionadas aos veciños e veciñas ao longo do último mes, como tamén expresou ante os representantes da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña.