Dende o pasado día de San Xoán os refugallos acumúlanse nas rúas da Coruña. A cidade vive o enésimo conflito co servizo de recollida de lixo impulsado polo Sindicato de Trabajadores de la Limpieza (STL). Trátase dunha organización cuxos dirixentes están inmersos nunha investigación por unha presunta trama corrupta que marca inevitablemente a folga e as súas consecuencias, sobre as que aumenta a preocupación na cidade xa non en termos de imaxe ou comodidade, senón mesmo de saúde.
Os convocantes esixen agora a retirada de todas as sancións ou, en caso contrario, adiantarán a conversión do paro en indefinido ao 28 de xullo
A folga, cando menos sobre o papel, non é indefinida. As convocatorias son intermitentes (por exemplo, para a semana vindeira advertiron de tres días de paro), pero o lixo acumulado é permanente, a efectos prácticos. O STL advertiu que si pasaría a ser continua dende o 1 de agosto se a empresa concesionaria Prezero e o Concello non respondían ás súas demandas, que van medrando e agora inclúen unha ameaza de adiantar o comezo do paro indefinido ao 28 de xullo.
Entre as engádegas ao cadro de peticións figura agora a retirada de todos os expedientes sancionadores abertos a membros do cadro de persoal dende o inicio dos paros. Son máis de 60, segundo algunhas fontes, que datos publicados por La Voz de Galicia este 18 de xullo elevan por riba dos 80. A empresa xustifícaas, entre outras razóns, por faltas ao traballo non xustificadas ou baixo rendemento que a concesionaria liga o incumprimento dos servizos mínimos, o cal contribúe á acumulación de lixo nas rúas.
Sobre o papel, a folga non é indefinida. Pero o lixo acumulado é, a efectos prácticos, permanente na cidade dende o inicio do conflito
Con este pano de fondo, o voceiro do comité de folga, Alfonso Seijo, comparecía o pasado mércores ante a prensa para asegurar que, no caso de que Prezero acceda a retirar a sancións e "cumpra cos pregos" que rexen o contrato, a situación estará normalizada en "dous ou tres días". Mentres, fontes da compañía citadas por La Opinión de A Coruña manteñen que non retiran as sancións porque sería tanto como regresar ao escenario de hai dous anos, cando unha vez retiradas o STL iniciou novas medidas de presión.
Cunha porcentaxe de recollida de refugallos de entre o 70% en barrios céntricos, arredor dun 25% nos Rosales ou Matogrande e apenas un 10% en Monte Alto ou un 5% na Sagrada Familia, segundo datos do Concello, na cidade medran as voces que reclaman a declaración dunha emerxencia sanitaria. Mentres a alcaldesa, Inés Rey, advirte de que en ningún caso cederá á "chantaxe" do STL.
Dende o BNG local o seu voceiro, Francisco Jorquera, empraza o goberno municipal a tomar "as medidas extraordinarias que sexan necesarias" para "evitar un problema de saúde pública", pero tamén para impedir que a veciñanza "sexa refén dos intereses espurios que se esconden neste conflito", en referencia aos "graves delitos" polos que é investigado o STL.
No inicio da investigación a Policía advertiu de que os acusados crearan unha "rede criminal" a través do STL que, entre outras acusacións, cobraban "mordidas" aos empregados para poder traballar no servizo de limpeza da cidade
O Xulgado de Instrución número 6 da Coruña mantén como investigado ao líder do sindicato, Miguel Ángel Sánchez, por presuntos delitos de branqueo de capitais, estafa, corrupción entre particulares, fraude á Seguridade Social e revelación de segredo. No inicio da operación, a Policía advertiu de que a través do STL os acusados crearan unha "rede criminal" que, entre outras acusacións, cobraba "mordidas" aos empregados para poder traballar no servizo de limpeza da cidade.
Alén da cuestión dos expedientes, Prezero tampouco está disposta a ceder en poder intervir á hora de converter o persoal en indefinido mediante a avaliación da "idoneidade" de cada candidato. Nesa negativa ecoan, precisamente, os presuntos movementos das persoas investigadas para manexaren as contratacións.