Ademais das xornadas de paro convocadas legalmente, o STL está a realizar outras medidas de presión, como folgas de celo ou sucesión de baixas médicas dos traballadores
Dende o día de San Xoán o lixo acumúlase nas rúas da Coruña como consecuencia das medidas de presión postas en marcha polo Sindicato de Trabajadores de la Limpieza (STL), unha organización cuxos dirixentes están a ser investigados por unha presunta trama de corrupción e que protagonizou nos últimos anos conflitos semellantes a través de folgas (declaradas e encubertas). O STL é maioritario nas concesionarias municipais de recollida do lixo e hixiene viaria da Coruña.
Nesta ocasión a folga comezou con dous días de paro -24 e 25 de xuño- que fixeron que os residuos xerados en San Xoán se acumulasen nas rúas. Porén, a pesar que dende o 26 de xuño xa non houbo máis xornadas de folga, a cantidade de lixo non só non diminuíu senón que continuou aumentando, xa que cada xornada só se recolle unha pequena parte e unicamente en determinadas zonas da cidade. Nunha acción non declarada, están a sucederse as baixas médicas -este luns 66 dos 200 traballadores declaráronse de baixas- e tamén as "folgas de celo", de xeito que os operarios realizan o seu labor a un ritmo moi inferior e non completan os seus itinerarios unha vez que cumpren o seu horario.
O STL é maioritario nas concesionarias municipais de recollida do lixo e hixiene viaria da Coruña. Os seus dirixentes están a ser investigados por unha presunta trama de corrupción
Ademais, nos vindeiros días están convocadas novas xornadas de folga, nunha sucesión de paros que poden agravar o problema que xa existe nas rúas. A folga está convocada de forma declarada todos os martes e sábado, ademais dos días 8, 25, 26 e 27 de xullo e o 8, 9, 15 e 18 de agosto; ademais o STL ameaza con iniciar en agosto unha folga indefinida.
As reivindicacións que o STL poñen enriba da mesa inclúen aspectos económicos e laborais, como unha suba do 1% nas súas retribucións, o dereito á desconexión dixital, aspectos relacionados con cursos de formación, co plan de igualdade ou a definición das categorías profesionais, con outras máis estritamente sindicais, como a información que recibe o comité de empresa -que domina esta organización- e a que semella a clave deste conflito: os mecanismos de contratación de novos traballadores.
Nos últimos anos protagonizou un gran número de conflitos na procura de melloras salariais e laborais pero tamén buscando manter o control sobre as contratacións
Cómpre lembrar que o líder do STL, Miguel Ángel Sánchez, declarará proximamente perante o Xulgado de Instrución número 6 da Coruña en calidade de investigado por delictos de branqueo de capitais, estafa, corrupción entre particulares, fraude á Seguridade Social e revelación de segredos. Nunha operación na que foran detidas varias persoas e na que a policía advertiu do uso desta central sindical para a creación dunha "rede criminal" que cobraba "mordidas" aos empregados. Unha organización que, segundo numerosos relatos, leva a cabo prácticas que "se poderían definir como mafiosas" e exerce unha enorme "presión" e "control" sobre as administracións e mesmo as empresas concesionarias a través de coaccións e ameazas.
A folga está a afectar a toda a cidade, aínda que máis a algúns barrios, coma o do Castrillón, onde o 85% do lixo quedou sen recoller
A folga está a afectar a toda a cidade, aínda que máis a algúns barrios, coma o do Castrillón, onde o 85% do lixo quedou sen recoller; no Ventorrillo, a Agra do Orzán, Eirís, Matogrande e Eirís só se recolleu o 20% do normal; nos Rosais, Labañou e Cidade Vella só se recolleu o 35% e en Monte Alto chegou ao 45% e ao 50% en Sagrada Familia Algo mellor está a situación, segundo o Concello, nos Mallos ou nos Castros. E o centro (Pescaría ou Riazor) é a zona na que os traballadores están a recoller unha maior proporción dos residuos.
De momento, as solucións non semellan próximas e a alcaldesa Inés Rey declarou publicamente que o Concello "non cederá a chantaxes" nin aceptará peticións do STL que son "ilegais"
De momento, as solucións non semellan próximas e a alcaldesa Inés Rey declarou publicamente que o Concello "non cederá a chantaxes" nin aceptará peticións do STL que son "ilegais". A folga declarada polo sindicato súmase a unha situación na que o contrato do servizo de recollida do lixo foi anulado o pasado mes de xaneiro polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) debido a un incumprimento do prego de condicións por parte da oferta gañadora. En febreiro de 2020 o contrato fora concedido a CESPA, aínda que dende o 2022 foi asumido por Prezero, filial do grupo alemán Schwarz. O Goberno local debe decidir se entrega o contrato a Valoriza -a único oferta restante que non foi anulada- ou se licita de novo o servizo.
Esta noite, ademais, catro contedores arderon en distintos puntos da cidade
Esta noite, ademais, catro contedores arderon en distintos puntos da cidade, en incendios que nalgúns puntos afectaron a vehículos estacionados nas súas proximidades. Os bombeiros e Policía local que acudiu aos lugares nos que se detectaran estes incendios consideran probable que o lume fose provocado, pois comezaron case á mesma hora e producíronse en espazos moi próximos.
Esta nova folga únese a sucesivos episodios de conflitos na Coruña no servizo de recollida do lixo, protagonizados por un STL que adoita escoller data sinaladas -o verán, o Entroido, o Nadal...- para iniciar as súas protestas, moi visibles nas rúas da cidade. O pasado ano catro membros do STL foron detidos tras unha investigación que os acusa de crear unha "rede criminal" que cobraba por traballar na limpeza da Coruña. As investigacións acusan a rede de cobrar uns 70 euros mensuais por traballar e fontes do persoal falan de miles de euros por conseguir contratos a familiares.