Un manifesto pide unha celebración unitaria do 25 de xullo

Vista xeral da Quintana CC-BY-NC-SA BNG

Este venres, cando estamos a dúas semanas do 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, comezou a difundirse o manifesto O día da nación galega, o día de tod@s, un texto que fai un chamamento a unha celebración unitaria e cidadá desta data. O manifesto, que se pode asinar en liña destaca que o chamado "nace da cidadanía que, sen agardar instrucións nin consignas, quere manifestar o seu desexo e a súa vontade de nos reunir nunha celebración" que "diga claramente que as divisións nos debilitan e nos encamiñan á insignificancia, mentres a unión multiplica as nosas forzas para procurarmos as ferramentas necesarias que nos permitan decidir que queremos ser".

O chamado diríxese "aos cidadáns e cidadás" para construír "un Día da Nación Galega, un día de unidade" ao que despois se sumen os partidos e organizacións políticas

O chamado diríxese "aos cidadáns e cidadás, aos colectivos sociais, culturais, recreativos..., a que se sumen, sen exclusión previa ningunha" para construír "un Día da Nación Galega, un día de unidade" ao que despois se sumen os partidos e organizacións políticas.

"Galicia precisa existir con forza para defender os intereses inmediatos e estratéxicos como nación. Sabemos da inmensa forza da unidade, do enorme potencial de ilusión e entusiasmo colectivo que poden xerar a defensa da nación e da soberanía. Estamos na hora de andar ese camiño", destaca o texto. Tamén salienta que "vivimos un tempo excepcional, os problemas económicos e sociais do noso país, na vez de mellorar, agrávanse. Afrontamos unha recentralización que nos prexudica, dificulta a supervivencia de empresas e traballo e pretende liquidar sectores productivos enteiros, ao tempo que conduce á desaparición da nosa lingua e cultura".

"Galicia precisa existir con forza para defender os intereses inmediatos e estratéxicos como nación. Sabemos da inmensa forza da unidade, do enorme potencial de ilusión e entusiasmo colectivo que poden xerar a defensa da nación e da soberanía"

O manifesto subliña para rematar que "cada un dos e das asinantes facémolo de xeito persoal porque é a forma máis nidia de expresión da cidadanía: a suma das vontades individuais" e que "coas nosas sinaturas queremos manifestar o desexo de marcharmos tod@s polas rúas de Compostela detrás dunha faixa que, levando escrito o nome da nación e portada por xente do común, represente aos homes e mulleres que son os lexítimos donos da galeguidade: a maioría do pobo galego, a cidadanía do país".

A iniciativa está asinada, inicialmente, por Suso de Toro, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz, Xurxo Souto, Manuel Bragado, Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Queixas, María Reimóndez ou Margarita Ledo, entre outras corenta persoas.

Vista xeral da Quintana CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.