Un milleiro de persoas reivindican en Compostela que "Galiza é unha nación" con dereito á autodeterminación

A manifestación, que seguiu estritas medidas de seguridade, rematou na Praza da Quintana © Vía Galega

Máis dun milleiros de persoas, segundo Vía Galega, plataforma convocante, manifestáronse este domingo en Compostela baixo o lema “Galiza nación, un pobo con dereitos”. A marcha, que seguiu estritas medidas de seguridade e que rematou na Praza da Quintana, reclamou o carácter nacional de Galicia e o dereito á autodeterminación.

O acto final conducido pola actriz Isabel Risco e música interpretada por Jasper e Rodrigo Ramos, contou coa intervención de María Xosé Bravo, da portavocía de Vía Galega, e coa lectura dun manifesto por parte do escritor Suso de Toro e da actriz Neves Rodríguez. Ao remate interpretouse o himno galego.

A manifestación foi convocada por Vía Galega © BNG

María Xosé Bravo reclamou ferramentas como “a posta en marcha dunha Facenda Galega”, unha Tarifa Eléctrica Galega e unha "verdadeira política de reindustrialización"

María Xosé Bravo destacou o crecemento da plataforma, formada por 65 entidades “que partillan que Galiza é unha nación, que temos dereitos como pobo e que debemos facer ouvir a nosa voz para construír unha república galega soberana, democrática feminista”. E rexeitou a idea de que Galicia é "un país pobre e subsidiado polo Estado" sinalando que este é “un pobo rico cheo de xente traballadora que quere vivir do seu traballo e queremos responsabilizarnos”.

En consecuencia Bravo reclamou ferramentas como “a posta en marcha dunha Facenda Galega”, unha Tarifa Eléctrica Galega "que baixe o prezo da enerxía e considere a electricidade como ben básico para a poboación", a recuperación das concesións dos encoros, en moitos casos outorgadas durante o franquismo e unha "verdadeira política de reindustrialización". “Non queremos roubarlle nada a ninguén mais tamén temos o dereito a esixir que ninguén entorpeza o noso camiño, que ninguén nos roube o futuro”, resumiu.

Bravo rexeitou a reforma do Estatuto de Autonomía, denunciando que é “un corsé que nos impide resolver os problemas do presente, e non vai ser con reformas desa ferramenta como atopemos as respostas que este país precisa” 

María Xosé Bravo rexeitou a reforma do Estatuto de Autonomía, que hai uns días celebrou o seu 40 aniversario, sinlando que o Estatuto é “un corsé que nos impide resolver os problemas do presente, e non vai ser con reformas desa ferramenta como atopemos as respostas que este país precisa”. Bravo indicou que “no conxunto do Estado español dáse o debate sobre o recoñecemento da existencia de distintas nacións e dos dereitos colectivos e máis cedo que tarde vai haber modificacións na estrutura territorial do Estado e Galiza ten que estar aí”.

A manifestación, convocada por Vía Galega, rematou na Praza da Quintana © BNG

Suso de Toro fixo un chamamento a “decidir o noso futuro" e Neves Rodríguez salientou que “como pobo temos dereito a autodeterminación"

Pola súa banda, o escritor Suso de Toro fixo un chamamento a “decidir o noso futuro", destacando que "a soberanía tamén é necesaria para poder combater con maior eficacia esta pandemia, para dispoñer do noso aforro, para dotármonos dun sistema financeiro público e propio, para gozar duns servizos públicos de calidade". De igual xeito, a actriz e comunicadora Neves Rodríguez salientou que “como pobo temos dereito a autodeterminación, a decidir o noso futuro como galegas e galegos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.