Un recurso discute o sobresemento do caso Someso

Construción de edificios en Someso © corunopolis.com

A pasada semana o Xulgado de Instrución número 3 da Coruña decidiu arquivar a denuncia contra Francisco Vázquez e Antonio Fontenla por irregularidades e ilegalidades ao redor da venda de terreos municipais no coruñés polígono de Someso. A xuíza considerou que non había "indicios" dos presuntos delitos de suborno, tráfico de influencias e prevaricación. O Tribunal de Contas e a Fiscalía tamén investigaron a posible apropiación privativa de bens e dereitos municipais e a venda ilegal do aproveitamento municipal no sector, cunha lesión económica para o Concello da Coruña de 20 millóns de euros. En abril a Fiscalía tamén decidiu o arquivo do caso.

O recurso sinala que "existen indicios racionais de existencia de delito continuado de prevaricación" e que "existen indicios racionais do delito de suborno"

Porén, a representación xurídica do ex concelleiro socialista José Antonio Sánchez Penas, que presentara varias denuncias por estas supostas ilegalidades, vén de anunciar a presentación dun recurso de reforma ante o auto provisional de sobresemento. No recurso, o avogado Xoan Antón Pérez Lema sinala que os feitos supostamente constitutivos dun delito de tráfico de influencias non estarían prescritos, pois o prazo de prescrición non sería de cinco anos (como indicaba a xuíza no seu auto) senón de dez. O recurso sinala que "existen indicios racionais de existencia de delito continuado de prevaricación" e que "existen indicios racionais do delito de suborno".

Como lembraba Manuel Monge nun texto publicado en Praza o pasado ano, "para entender os acordos municipais de 2004 e 2005 sobre o polígono de Someso, que agora investiga a xustiza, hai que remontarse a 1997, cando uns promotores inmobiliarios presentan unha proposta para que o concello cambie a ubicación inicial do recinto feiral, cousa que conseguen. Un mes despois, o 27 de decembro de 1997 tiña lugar a aprobación inicial do PXOM". Antonio Fontenla, que era o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de la Construcción da Coruña (APEC-CO) e presidente da Xunta de Compensación do Sector 7 Recinto Ferial, inscribiu o 27 de maio de 1998 no rexistro mercantil da Coruña a sociedade Iglevaz (este nome coincide coas iniciais dos apelidos da muller do alcalde, María del Carmen de la Iglesia, e de Vázquez). E, posteriormente Fontenla vendeu, o 12 de xuño de 2002, todas as accións de Iglevaz á familia Vázquez, que pasou a controlar Hidroeléctrica del Arnoya. A participación da familia de Vázquez en empresas e negocios con Antonio Fontenla mantívose en segredo, non figurando na declaración de intereses de Paco Vázquez, como é obrigatorio por lei.

O recurso sinala que "existen demasiadas coincidencias espazo-temporais como para pechar esta pescuda eestá demasiado dano patrimonial ao público en xogo"

O recurso presentado por Xoan Antón Pérez Lema péchase sinalando que as relacións entre o alcalde Francisco Vázquez e o presidente da Xunta de Compensación do Sector 7 Recinto Ferial (Antonio Fontenla) e a propia dona de Vázquez son "o fío que hai que investigar", pois "existen demasiadas coincidencias espazo-temporais como para pechar esta pescuda eestá demasiado dano patrimonial ao público en xogo". Lembra que este asunto "está a xerar unha gravísima inquedanza nesta cidade e área urbana".

Construción de edificios en Someso © corunopolis.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.