Un tren máis rápido entre A Coruña e Vigo entre as queixas dos usuarios galegos a Renfe

Ana Pastor, nun viaxe en tren entre Vilagarcía e Pontevedra © Ministerio de Fomento

A estación de Urzáiz de Vigo recibirá este luns un tren dos que o Goberno denomina de alta velocidade. Será en fase de probas e é un dos que cubrirá o Eixo Atlántico A Coruña-Vigo para unir as dúas cidades máis poboadas de Galicia en menos dunha hora e dez minutos a partir de mediados de abril. Viaxará nel a ministra de Fomento, Ana Pastor, presente unha vez máis nunha inauguración das moitas que chegan nesta vaga preelectoral.

Logo de 120 millóns de euros de investimento tan só na terminal e despois de dous anos de obra, chegará en probas este ferrocarril que, obviamente, reduce considerablemente o tempo de viaxe no corredor A Coruña-Vigo, pero que terá unha velocidade media de 130 km/hora e unha máxima de 200 km/h. Será máis rápido, pero semella difícil denominalo de alta velocidade. 

Os usuarios da liña do Eixo Atlántico acusan a Renfe de "darlles as costas aos cidadáns" por "non acomodar os horarios ás necesidades"

E os usuarios desta liña ven moitos máis atrancos e acusan a Renfe de "darlles as costas aos cidadáns" por, segundo denuncian, "non acomodar os horarios ás necesidades dos viaxeiros, negándose a reforzar as horas punta e facendo cambios atendendo exclusivamente aos intereses comerciais da compañía". 

Nun comunicado, a plataforma de usuarios da liña Compostela-A Coruña expresa a súa queixa por unha estruturación do raxecto que “dilúe o verdadeiro sentido de servizo público que debería primar nestes casos”, tal e como asegura Luísa Diéguez, voceira do colectivo xurdido hai máis de dez anos para reivindicar un tren de calidade para a cidadanía galega.

Renfe non reforza as horas punta e "fai cambios atendendo só aos intereses comerciais da compañía"

Así, o pasado 27 de marzo , a propia Diéguez presentou un documento con arredor de 500 sinaturas nas oficinas da compañía ferroviaria da Coruña. No escrito os usuarios  pídenlle a Renfe "transparencia, información e horarios con suficientes frecuencias de trens que atendan as demandas dun público que nos últimos anos aumentou un 200%". 

"A infraestrutura,con novos trazados e vías, chega tarde e como mal engadido a compañía non ten trens suficientes para atender unha demanda de frecuencias acorde coas necesidades dos cidadáns", quéixase a plataforma, que recoñece que se "gañan algúns minutos" pola mellora nas prestacións "en canto á velocidade e á seguridade", pero pouco cambia na dispoñibilidade e facilidade para os usuarios. "Seguimos co mesmo número de trens diarios, o que implica unha clara infrautilización das vantaxes dos novos trazados. Repítense as taras deste país, aeroportos sen avións, portos sen barcos e estacións ou vías sen trens”, insiste. 

Os usuarios lembran que "o problema aumenta" porque os horarios "axústanse moi mal ás necesidades laborais"

Ademais, advirten que "o problema aumenta" porque os horarios axústanse "moi mal ás necesidades do mundo laboral". “ Non ten sentido que nos ofrezan un tren que chegue ás 9 da mañá á Coruña cando esa é xustamente a hora de entrar nos traballos, e así moitos máis casos, tanto na ida coma na volta”, din os usuarios, que se queixan tamén de que os novos horarios e frecuencias que entrarán en vigor a principios do vindeiros mes aíndia non foron comunicados por Renfe.

“Os traballadores temos que planificarnos, temos fillos, familias, persoas que dependen de nós e horarios que cumprir nos nosos traballos. Mesmo enlaces con outros transportes antes ou despois do tren. Non poden comunicar os cambios de horario dous ou tres días antes e non darnos tempo a reaccionar e organizar as nosas vidas”, rematan quen denuncia o "ocultismo e negación" da complañía ferroviaria. 

“Unha vez máis os galegos debemos achegar con impostos de primeira para ser cidadáns de terceira. Mentres todo isto ocorre, a administración segue subvencionando a Rnfe cos nosos cartos para atender o seu interese comercial”, conclúen desde a plataforma.

Ana Pastor, nun viaxe en tren entre Vilagarcía e Pontevedra © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.