Unanimidade en Galicia para que a UE non "afunda" o naval

Manifestación do naval en Vigo CC-BY-SA CIG

A Xunta xa non pode queixarse de falta de apoios, cando menos desta vez. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acudirá este xoves á xuntanza co comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, apoiado pola unanimidade do Parlamento de Galicia. Todos os grupos da Cámara galega pechan filas en torno ao naval nunha declaración institucional na que, esencialmente, PP, PSdeG, AGE e BNG lle reclaman á Comisión Europea que non ratifique a proposta do comisario Joaquín Almunia para que o sector non teña que devolver os cartos do tax lease, os 2.000 millóns de euros en bonificacións fiscais das que se beneficiou mentres foron legais.

O lexislativo galego reclama que os dirixentes comunitarios "reconsideren" a proposta de Almunia porque, explica, "contamos con sólidos argumentos xurídicos que avalan esta petición, pero tamén coa firme convicción de que a Comisión Europea non pode permitirse afundir todo un sector industrial dun Estado membro, cuxas consecuencias multiplicarían a recesión económica e o grave problema do desemprego, particularmente en Galicia", onde, lembran, se concentra máis do 60% dos investimentos financiados con este sistema. Unha decisión contraria aos intereses do naval galego suporía ademais "un grave trato discriminatorio" a respecto de Francia, que "nun expediente similar foi eximida de devolver as axudas por aplicación do pirncipio de seguridade xurídica", lembran.

O Parlamento lembra que "nun expediente similar" Francia "foi eximida de devolver as axudas"

"Agora debería aplicarse o mesmo criterio" que no caso francés, din os deputados e deputadas. Só así deixará de pairar o risco de desaparición sobre "14.000 empregos directos e unha voluminosa industria auxiliar" e, por extensión, a máis que real posibilidade de "desaparición" definitiva do sector naval galego, toda vez que os estaleiros privados ficarían sen traballo mentres que o público, Navantia, xa se atopa "sen carga de traballo e sen dique flotante". Por todo isto, sinalan, Almunia non debe "materializar a súa ameaza".

Sen pleno monográfico

A unanimidade xerada en torno á declaración institucional non foi tal coa proposta de celebrar un pleno monográfico sobre a situación do sector naval en xeral e o tax lease en particular, como solicitaba o PSdeG -único grupo con escanos dabondo como para facelo-. Para os secretario xeral dos socialistas, Pachi Vázquez, tratábase de analizar en profundidade que "o naval galego é algo máis que o tax lease", xa que, por exemplo, en Euskadi e Asturias, as outras autonomías máis damnificadas pola posible devolución de axudas, a construción naval medra un 40% e un 30%, respectivamente. Mentres, "Galicia cae o 22%", polo qeu xa "non vale dicir que vén Pemex ao rescate" nin dicir que se vai construír un dique flotante, como prometeu Feijóo.

AGE e BNG apoiaron a proposta de pleno extraordinario formulada polo PSdeG

A convocatoria de pleno extraordinario recibiu o apoio tanto de AGE como do BNG. Pola banda de alternativa a súa vicevoceira, Yolanda Díaz, coida tamén que a problemática do naval é moito máis ampla, abocando a comarcas como Ferrolterra a "índices gravísimos de paro estrutural" e, mentres, "temos un presidente que presume dunha inxección ben cativa para un estaleiro a través de Pemex no que, como sabe, o que imos facer é máis do mesmo, ceder a tecnoloxía a un país que non é o noso. O Bloque, á súa vez, saúda a "posición de país" que "fortaleza a posición negociadora" de Feijóo, pero "esta declaración unánime non exime da esixencia de responsabilidades", di Francisco Jorquera, xa que "o responsábel" da situación "non é só Almunia", senón "a UE, o Goberno central e a Xunta", coa Unión "ao servizo dos grandes lobbies da Europa dos mercaderes".

"Non descarto que nun futuro poida haber un pleno", retrucou o conservador Pedro Puy, en cuxa opinión cómpre ver primeiro "que pasa" na xuntanza con Almunia. "Imos votar que non -anunciaba-, o que non quere dicir que non valoremos o paso dado na declaración institucional", afirma, nun contexto no que, ao seu xuízo, cómpre eximir de responsabilidades á Xunta, toda vez que "leva investidos máis de 80 millóns no naval".

Vázquez, Díaz e Jorquera, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública
Puy, durante a súa intervención CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.