Unha fin de semana para a unidade?

Xuntanza a prol dunha candidatura unitaria CC-BY-SA Marea.gal

"Arde Galicia en festas", escoitouse durante anos de boca de quen narraba múltiplas celebracións por todos os puntos do país, moi especialmente no verán. Na penúltima fin de semana de agosto de 2015 Galicia, afortunadamente, non arderá literalmente. Haberá, como adoito, un bo número de festas. Pero poderíase dicir tamén que arderá en confluencias. Ou, cando menos, en tentativas para confluír. Serán dous días consecutivos e dúas xuntanzas en Compostela. Diferentes, aínda que con vasos comunicantes e que sobre o papel procuran esencialmente o mesmo: poñer os alicerces dunha candidatura galega unitaria para as eleccións xerais do vindeiro outono.

Despois de semanas de intensos contactos a múltiplas bandas entre as forzas políticas a posible candidatura abordarase en dous foros a priori máis abertos e eclécticos que os partidarios. O primeiro acto desta exploración á procura da confluencia é Encontro Cidadán por unha Marea Galega, que dende as 10 da mañá xuntará nas instalacións do Centro Xuvenil Don Bosco voces "dunha grande diversidade xeográfica e política", en verbas dun dos seus impulsores, o economista Gonzalo Rodríguez.  

O programa da xornada, explican, está concibido para "que haxa un debate intenso e positivo" que teña como albo dar coa "ferramenta" para "construír a candidatura de confluencia" e que esa ferramenta "lle poida servir a todo o mundo". Dende o Encontro Cidadán agardan contar con "máis de 250 persoas" de todo o país nun espazo no que "o único esencial para nós é que haxa unha forte identidade cidadá" e que "se aposte por dúas cousas" para comezar a "falar": "A confianza e o optimismo", resume Rodríguez. Caso contrario, advirte, "deixarémonos arrastrar esas maldicións pseudohistóricas" que apuntan "a que a esquerda nunca se pon de acordo".

Os encontros celébranse en días e lugares diferentes, pero terán vasos comunicantes e considéranse "complementarios"

Vinte e catro horas despois a cita será no barrio de Conxo, no escenario no que en 1856 tivo lugar o histórico encontro de confraternidade entre estudantes e obreiros da época. Este "Banquete de Conxo 2.0" está impulsado dende a Comisión Cidadá pola Unidade, a mesma que artellou a manifestación do pasado Día Nacional, e como no Encontro do sábado, prevese que nel se xunten, entre outras, persoas impulsoras dos diversos manifestos e iniciativas de confluencia que, dende hai semanas, chaman á conformación desa candidatura unitaria de Galicia para as xerais. Un e outro acto, explica un dos membros da comisión, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, "non son incompatibles, ao revés, son complementarios". "Unha bóla de neve pode xuntarse con outra e facer unha moito maior", ilustra.

"Neste momento a posibilidade de facer unha única candidatura existe e a confianza é indispensable"

O propio Pereiro, a activista Pilar Fernández, o guionista Carlos Ares e mais o histórico sindicalista Suso Díaz presentaron este venres en rolda de prensa unha xornada na que se prevé que se vexan dende caras históricas do soberanismo galego ata membros e promotores das candidaturas emerxentes do 24M, así como algúns dos rostros recoñecibles das mareas municipais, cuxos "vimbios", di Pereiro, cómpre tamén aproveitar "para facer un cesto novo cara ás xerais" no que haxa representantes de practicamente "todo o espectro político da esquerda" galega.

"Se finalmente hai dúas ou tres candidaturas será un fracaso, case un ridículo"

E, neste escenario, que acontece cos partidos? "Se hai partidos que se xuntan e determinan algo" cara a unha eventual candidatura "están no seu perfecto dereito e son acordos lexítimos, pero nese escenario a cidadanía "só podería dicir amén cos seus votos, como pasou sempre", din dende a Comisión Cidadá. O que se explorará en Conxo serán as posibilidades de "xuntarse para xerar un movemento de adscrición individual e base cidadá para unha candidatura galega" na que, din, tamén pode e deber haber representación das diversas forzas políticas.

Así as cousas, o 22 e 23 de agosto non se pecha o proceso, pero si semella que o ambiente e as sensacións que se poidan tirar de Belvís e Conxo servirán como termómetro do posible éxito ou fracaso da operación. "Neste momento a posibilidade de facer unha única candidatura existe e a confianza é indispensable", afirman dende Marea.gal. "Se finalmente hai dúas ou tres candidaturas será un fracaso e case un ridículo", apuntan dende o grupo promotor do Banquete de Conxo.

Relatores dun acto público do Encontro Cidadán por unha Marea Galega CC-BY-SA Praza Pública
Presentación do Banquete de Conxo 2.0 CC-BY-SA @pilaraymara

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.