Unha lei europea promovida pola cidadanía 'custa' un millón de sinaturas

Vista da Eurocámara en Estrasburgo dende a Presidencia © Parlamento Europeo

A voz da cidadanía xa pode chegar ao Parlamento Europeo, aínda que por un camiño un chisco tortuoso. O pasado 1 de abril entrou en vigor o Regulamento (UE) 211/2011, do Parlamento Europeo e do Consello, de 16 de febreiro, sobre a iniciativa cidadá, unha normativa comunitaria que ten os mesmos efectos prácticos que, por exemplo, a lei que dende 1988 permite en Galicia que calquera grupo de persoas poida elevar unha proposición de lei á Cámara galega se xuntan o apoio de 15.000 sinaturas. No caso da Unión Europea, o camiño é notablemente máis completo xa que, entre outros aspectos, estas propostas só chegarán a bo porto -a seren debatidas polos eurodeputados se logran o aval de, cando menos, un millón de cidadáns dun mínimo de sete Estados membros.

Esa pluralidade de procedencias das sinaturas non é a única proba a superar polas iniciativas cidadás europeas. O primeiro é xuntar un comité cidadán, os "organizadores", que deben formar sete ou máis persoas con idade legal para votar. Será este comité o encargado de preparar o texto da iniciativa e de rexistrala na Comisión Europea. A continuación comezarán a recollida dese millón de apoios nese mínimo de sete Estados, aínda que cun criterio que non é menor: non pode haber desequilibrios entre a procedencia das sinaturas, isto é, non pode vir a práctica totalidade dun só país. Nomeadamente, existe un número mínimo de asinantes dependendo da súa representación na Eurocámara. Ese número áchase multiplicando os deputados de cada Estado por 750, o que no caso español supón 40.500 sinaturas.

As sinaturas teñen que proceder de, cando menos, sete Estados membros, cun mínimo estatal que depende da súa representación na Eurocámara 

Tendo en conta todos estes factores, os "organizadores" poden recoller sinaturas durante un máximo dun ano, tanto en papel como a través de Internet. As sinaturas en papel teranse que plasmar en documentos "personalizados para cada Estado membro", as electrónicas deben "almacenarse nun só Estado". Nese caso, explica o Instituto Nacional de Estatística (INE), "o sistema de recollida debe garantir que só poidan presentar declaracións de apoio as persoas físicas e deberá contar coas medidas de seguridade necesarias para garantir a protección dos seus datos".

Así as cousas se, por exemplo, un grupo de galegos quere emprender unha destas iniciativas debe ter en conta as instrucións que vén de ditar o INE, segundo as cales "as declaracións dun apoio dun español residente en España serán verificadas en España", "as declaracións de apoio dun español residente no estranxeiro" serán verificadas no país no que viva se "non inclúen o identificador persoal -número do documento de identidade" e  "en España" se "inclúen o identificador persoal". Os apoios de persoas doutros Estados, deben ser certificadas no seu lugar de orixe. Para as sinaturas de Internet, o sistema de recollida "require ser certificado" previamente polo INE, nomeadamente, pola Oficina do Censo Electoral. Unha vez superado ese camiño de obstáculos, só quedará recoller un millón de sinaturas.

Pleno na Eurocámara, en Estrasburgo © Parlamento Europeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.