Unha manifestación que marca un antes e un despois en Catalunya

Un millón e medio de persoas encheron as rúas de Barcelona © Vilaweb

Despois do indubidable éxito da marcha, había expectación polas reaccións políticas que xeraría no dia seguinte. Sobre todo pola posición que adoptaría Artur Mas. Non só por ser o presidente de Catalunya senón tamén pola posición ambigua que CiU sempre manifestou no debate soberanista. O propio Mas quixera poñer o foco da manifestación sobre a reivindicación do pacto fiscal con España. Porén, esta reivindicación quedou sepultada pola demanda directa de independencia.

Artur Mas compareceu de urxencia esta mañá e afirmou que "o clamor de onte foi claro, pero moi normal. Unha nación que pide, simplemente, ter un Estado para poder progresar”

Artur Mas compareceu de urxencia esta mañá e afirmou que "o clamor de onte foi claro, pero moi normal. Unha nación que pide, simplemente, ter un Estado para poder progresar” e engadiu: "o éxito da manifestación é un paso para achegarse á plenitude nacional. Nada será fácil, pero todo é posible". Mas asegura que xa hai unha maioría independentista en Catalunya e di que traballará para dotala de "estruturas de Estado", comezando pola facenda propia e polo pacto fiscal. O presidente da Generalitat volveu reclamar ese pacto fiscal: "a soberanía fiscal dun país forma parte dun proceso coma este. É a maior urxencia" e ameazou con convocar eleccións en Catalunya se o pacto é rexeitado.

Mas reunirase con Rajoy o dia 20 e pidelle que escoite "atentamente" ao pobo de Catalunya: "escoitádeo atentamente, con ganas de entender algunha cousa. E poñede solucións, se as tedes". E engadiu: "até agora escoitóusenos moi pouco. Quizáis despois do de onte escoitarannos máis". Tamén o portavoz do Goberno catalán, Francesc Homs afirmara a última hora do martes que “temos que acelerar a transición nacional. Se contabamos que podía durar entre 10 e 15 anos, agora poderiamos facelo en 2, 3 ou 4 anos".

A marcha do martes deixou claro que o catalanismo é xa esencialmente independentista

As análises deste mércores falan dun antes e un despois e dun cambio de paso no catalanismo, até agora nucleado ao redor das posicións autonomistas e cun soberanismo que era minoritario. Porén, a marcha do martes deixou claro que o catalanismo é xa esencialmente independentista, cunha decantación clara en CiU, ERC e ICV e unha posición ambigua no PSC, que onte viu como moitos dos seus dirixentes (Ernest Maragall, Antoni Castells, Marina Geli, Àngel Ros, Laia Bonet e Joan Ignasi Elena) acudiron á marcha e mesmo cun lema propio: "Catalunya é estado e somos Europa". De feito a enquisa publicada este martes por El Periódico de Catalunya amosa que o 37% dos votantes do PSC votaria a favor da independencia nun hipotético referendo e un 46% en contra, fronte ás porcentaxes de CiU (72-16), ERC (94-4), ICV (49-35) e PP (7-81). As razóns hai que buscalas nun recambio xeracional, que está liderando a reivindicación, na sentenza do Tribunal Constitucional que anulou parte do Estatut de Autonomia aprobado polos parlamentos catalán e español e pola cidadania catalá en referendo. E tamén na crise económica e os recortes, especialmente duros en Catalunya.

O Goberno central non reaccionou oficialmente ante a manifestación até esta mañá. A pesar de que Mariano Rajoy foi interpelado por Rubalcaba na sesión de control ao Goberno, o presidente obviou o tema. Foi Soraya Saenz de Santamaria, vicepresidenta do Goberno, quen tivo que facer unha declaración, argumentando que a masiva partipación na marcha se debeu ao descontento pola crise económica. Pola súa banda Alicia Sánchez Camacho, lider do PP en Catalunya, referiuse a unha "maioria silenciosa de cataláns" que non foron á manifestación.

 

A manifestación domina a prensa

As portadas da prensa catalá son unánimes: El Periódico (A Diada da independencia), La Vanguardia (Catalunya di basta), Ara (independencia: primeiro acto), Vilaweb (La manifestació més gran de la història, per la independència), El Punt-Avui (Vía libre). Tamén a prensa vasca dedícalle integramente as súas portadas á histórica manifestación, dende Gara a Deia (Catalunya marcha) pasando por El Correo (Órdago independentista en Catalunya) ou Noticias de Álava.

A noticia pasou case desapercibida para a nova TVE e a televisión pública relegouna ao minuto vinte do seu Telediario da noite

Porén na prensa editada en Madrid o tratamento é diferente. Mentres El País titula “O independentismo catalán logra unha histórica exhibición de forza”, La Razón fala de “desafío independentista”, ABC titula “CiU axita un polvorin” e El Mundo di que “O xogo independentista váiselle a Mas das mans”. Fóra de España os principais medios de comunicación tamén destacan nas súas portadas a importancia da manifestación, coma Le Monde, Le Figaro, The Guardian, Al-Jazeera, The New York Times ou o Wall Street Journal. En cambio a noticia pasou case desapercibida para a nova TVE e a televisión pública relegouna ao minuto vinte do seu Telediario da noite.

Nos seu editorial, El Pais afirma que "El modelo autonómico ha dado a España la mayor etapa de prosperidad nunca conocida, pero nada es intocable y son muchas las voces que defienden seguir profundizando en un modelo de corte más federal" e El Peri­ódi­co lembra o que xa escribira no seu edi­tori­al despoi­s da sentenza do Tri­bunal Consti­tuci­onal: "La ní­ti­da per­cep­ción de que el po­der cen­tral no tra­ta de for­ma jus­ta a Ca­ta­lun­ya está in­tro­du­cien­do en mu­chos ciu­da­da­nos tem­pla­dos de es­te país la ten­ta­ción de que­rer rom­per el vín­cu­lo con Es­paña". Vilaweb escribe no seu editorial que "s’equivocaran, per tant, els qui facen la lectura que això era una manifestació més i que pot servir per al joc partidista. Aquesta manifestació no demanava un canvi de política, sinó un canvi de règim".

Pola contra, ABC di que "Frente a la crisis económica y al desplome de los servicios públicos, el nacionalismo catalán ha marcado el resto de España como el responsable de sus males" e El Mundo que "el hecho de que cientos de miles de catalanes tomaran el centro de Barcelona no significa que exista una mayoría social clara a favor de la independencia, ya que tampoco se puede ignorar que muchos catalanes más decidieron no acudir".

Un millón e medio de persoas encheron as rúas de Barcelona © Vilaweb
Capa de El Periódico de Catalunya © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.