Unha trintena de candidaturas municipais amosan o seu apoio a En Marea

Acto de apoio das candidaturas cidadás a En Marea © Marea Atlántica

Unha trintena de candidaturas municipais de toda Galicia amosaron este luns o seu apoio a En Marea de cara ás eleccións xerais. Nun acto celebrado no local da Marea Atlántica, na Coruña, representantes de varios destes 29 espazos de confluencia leron o manifesto no que "ratifican" o seu "compromiso" cun "proceso de cambio que vai moito máis alá das eleccións municipais". Reclaman unha "primavera longa" que non se deteña só no vindeiro 20D, senón que "culmine o ano próximo desaloxando por fin o PP da Xunta de Galicia". 

As candidaturas municipalistas ratifican o seu "compromiso" cun "cambio" que debe "culminar desaloxando o PP da Xunta"

"Todo o noso apoio e toda a nosa forza para as compañeiras e os compañeiros que encabezan a candidatura de En Marea nestas eleccións xerais. Para que leven a onda de ilusión das mareas e avanzada dos nosos gobernos rebeldes ao Congreso dos Deputados", aseguraron nun acto pechado por Alexandra Fernández, cabeza de lista por Pontevedra da candidatura, e Antón Gómez-Reino, número 1 pola Coruña.

“O obxectivo desta candidatura é seguir sumando. Queremos levar a voz ao Congreso e as mareas municipalistas son o espello no que vernos para seguir camiñando. Ademais é un proceso que necesita retroalimentarse e En Marea debe ser un motor para que máis xente siga participando nos espazos municipais para tecer a rede e abrir espazos de cooperación”, asegurou Alexandra. Gómez-Reino, pola súa banda, insistiu no "traballo colectivo para construír unha candidatura que se pareaza a este país" e advertiu que "o 20D ou somos nós ou é Feijóo". 

Os movementos municipais que apoian En Marea representan máis de 104.000 votos no 24M

Os 29 procesos municipalistas que apoian En Marea, e que serán máis a medida que as asembleas doutros espazos decidan o seu apoio ao manifesto, acadaron preto de 104.000 votos nas últimas eleccións municipais. Supoñen máis músculo municipal para a candidatura, que xa contaba co apoio explícito das tres grandes mareas cidadás gobernantes: Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común. 

O manifesto, titulado Maio foi só o principio, comeza advertindo que "Galicia quere cambio", tal e como "demostrou" o pasado 24M, "dándolle aos novos procesos de confluencia e unidade popular os gobernos municipais da Coruña, Ferrol e Santiago e representación en moitos outros concellos, grande e pequenos, de todo o país". Para as candidaturas asinantes, a "rebelión democrática" está "aínda en curso" e insiste non éxito das "ferramentas amplas e plurais" que conseguiron "non só sumar, senón multiplicar"

Ademais, aluden ao 15M, ao Nunca Máis e á "onda de ilusión xigantesca" que se espallou "por todo o país" coas diferentes mareas cidadás e a "nova política" centrada en "rescatar a xente, procurar unha economía maís xusta e sustentable" ou "democratizar as institucións e poñelas ao servizo e ao alcance da xente". E as candidaturas de confluencia insisten en que a "vitoria" de maio "só se pode atravesar nunha dirección: cara adiante". 

O manifesto aposta por unha "primavera longa": "Non imos permitir ningún paso atrás"

Por iso, procesos diversos de unidade popular e confluencia de toda Galicia din xuntarse para "ratificar" o seu "compromiso cun proceso de cambio que vai moito máis alá das eleccións municipais, unha primavera longa que se enfronta o 20 de decembro a un novo desafío nas eleccións xerais e que debera culminar o ano próximo desaloxando por fin o PP da Xunta de Galicia". "Non imos permitir ningún paso atrás", aseguran. 

As candidaturas asinantes do devandito manifesto son: Compostela Aberta, Ferrol en Común, SON de Abegondo - Foro Veciñal, Iniciativa Cidadá - Ames Novo, SON Ares, Boiro Novo-SON, Somos Cambados, Alternativa Canguesa de Esquerdas, SON Carballo, Movemento Veciñal Estradense, SON Malpica, Marea Cidadá de Noia, Ourense En Común, SON Pereiro de Aguiar, Nós Pobra, Marea Pontevedra, Rianxo en Común-SON, Ribeiro en Común, Marea de Vigo, Vilalba Aberta, Gañemos Vilanova, Gañemos Viveiro, SON Viveiro, SON de Toén, Alternativa Veciñal do Carballiño, Nigrán Decide, Xunt@s por As Pontes e Contigo Pódese Ames.

Acto de apoio das candidaturas cidadás a En Marea Dominio Público @En_Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.