Este mércores os ex presidentes da Xunta teñen unha xuntanza na residencia oficial de Monte Pío sen orde do día. Responden ao chamamento de Alberto Núñez Feijóo, que os convoca para "tratar diversos asuntos de interese" e "poñer a súa experiencia a prol do futuro da comunidade", un abstracto obxectivo que sentará á mesma mesa ao actual titular do Goberno xunto a quen, en ausencia de Manuel Fraga, é o referente de idade do PPdeG, Gerardo Fernández Albor, pero sobre todo cos socialistas Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. É un encontro de mandatarios de antes e de agora que dende as filas conservadoras se tenta amosar como unha reunión aséptica dende o punto de vista da política partidaria.
Os que foran máximos responsables do PSdeG acuden a Monte Pío, segundo declararon a La Voz de Galicia, sen saber moi ben a que van e por puro sentido institucional. Non coñecen moito máis do que publicaron os medios, isto é, que Feijóo asegura querer "incorporar o mellor do pensamento político de cada un deles ás decisións estruturais que se deben adoptar nos vindeiros anos para a mellora da competitividade económica de Galicia". É unha declaración de intencións que semella querer obviar as duras críticas que Feijóo lanza reiteradamente contra os gabinetes que presidiron -as últimas, hai poucos días a conta dos incendios- e que se asenta máis na aposta do PP por chegar a pactos co PSdeG e, de paso, introducir vías de auga na fráxil unidade de acción da oposición parlamentaria.
Feijóo adoita lanzar duras críticas contra a xestión dos gabinetes de Touriño e Laxe, aos que agora convoca
A filosofía de fondo desta xuntanza é a mesma do discurso pronunciado hai poucos días polo presidente nun almorzo informativo en Compostela. Tras pasar un dos períodos parlamentarios máis duros para a súa imaxe pública Feijóo insiste en que este "tempo require encontros", xa que consensuar co Executivo non é "estar de acordo comigo", senón "coa maioría social de Galicia, que é moderada, tolerante e aberta". Trátase, proclama, de frear o que define como "escalada de radicalización que se pretende instalar desde algúns ámbitos na actualidade política" e que lle atribúe ao "nacionalismo reactivo", que é ademais "obsoleto e illante", nada que ver co "galeguismo inspirado en Galicia" que asegura defender.
O encontro preséntase como pórtico do debate de política xeral, no que o PP tentará atraer ao PSdeG a pactos conxuntos
No mesmo sentido, o PP sacaba este martes á palestra á súa voceira, Paula Prado, para gabar a "previsible cordialidade que reinará" na que xa alcuma como "Conferencia de Presidentes". O "talante" que auguran os populares para esa xuntanza non só é "construtivo", tamén é "apartidista", o que sería, di, unha "mostra de madurez democrática". A súa aspiración última, asegura, é que estes encontros tornen en "ordinarios" para que os ex presidentes teñan un "protagonismo maior", "sen máis siglas que as da comunidade". A única tacha que lle pon ao evento é que "se vai botar en falta o consello de Manuel Fraga". "Convén poñer en valor a mensaxe da unidade", porque "o camiño está en encontros sosegados" coma este "e non en puñetazos e berros como os de fai poucas semanas ou meses".
Neste contexto, o "cumio" ou "conferencia" de Monte Pío, sosegado apartidista, semella ser o pórtico preparado polo PP para o primeiro debate de política xeral da lexislatura. Nesa sesión monográfica o relato presidencial vaise contrapoñer co do PSdeG que xa encabeza José Ramón Gómez Besteiro -cuxo voceiro ou voceira é aínda unha incógnita-, co de AGE, que vén de abrir unha "caixa de correo indignado" para a ocasión e cun BNG que aposta ás claras polo soberanismo. Neste contexto o partido da dereita tentará que a auga dos socialistas baixe por un rego o máis próximo posible ao seu, mesmo chegando a pactar algunha resolución conxunta que o afaste da deostada "radicalización".