Unhas 10.000 persoas elixen os consellos cidadáns de Podemos en 19 municipios galegos

Acto de Podemos con Pablo Iglesias CC-BY-SA Podemos

Podemos elixe as súas direccións locais. Desde o pasado día 6, a formación que lidera Pablo Iglesias desenvolve a campaña electoral para conformar os consellos cidadáns nas vilas e cidades de todo o Estado, así como para elixir os secretarios xerais do partido en cada localidade. Será entre o venres 26 e o martes 30 cando os membros da organización inscritos en cada un dos municipios elixirán os seus representantes de maneira telemática.

Máis de 10.000 afiliados de Podemos en Galicia están chamados a elixir as direccións locais entre o 26 e o 30 de decembro

No caso de Galicia, son máis de 10.000 as persoas chamadas a participar nun proceso do que sairán os líderes locais nos 45 concellos do país nos que os integrantes de Podemos acudirán ás urnas para elixir o seu consello cidadán e cadanseu secretario xeral local. E farano de entre as arredor de 370 candidaturas, agrupadas en listas ou independentes, e mediante un proceso de listas abertas. En todo o Estado, son case 6.900 candidaturas para 743 municipios.

O número de integrantes de Podemos en cada un dos municipios determina, non só o número de representantes de cada consello cidadán local, senón tamén o feito de que se celebren ou non eleccións para estes órganos. Así, aqueles concellos onde o número de inscritos na formación superase as 2.000 persoas ata o pasado 15 de novembro poderán elixir 25 membros do consello cidadán, a máxima cifra. Ese é o caso en Galicia de Vigo, que contaba con 2251 afiliados e que será a única cidade galega que conforme unha dirección local de 25 representantes.

Vigo será a única cidade galega cun consello cidadán de Podemos de 25 membros; o da Coruña terá 21 e Lugo, Compostela, Pontevedra e Ourense, 17

A Coruña, con 1961 inscritos -e polo tanto menos de 2.000- terá un consello cidadán composto por 21 persoas, mentres que o de Compostela, con 743, constará de 17 representantes, ao igual que Lugo, Pontevedra e Ourense, que tamén se sitúan entre os 500 e os 1.000 inscritos. Mentres, en Ferrol, con entre 200 e 500 inscritos, os integrantes de Podemos elixirán once representantes, ao igual que en Narón. No caso de aqueles municipios onde o número de inscritos se sitúe entre 100 e 200, o consello cidadán estará formado por sete persoas. É o caso das localidades de Culleredo, Arteixo, Cambre, Ames, Oleiros, Moaña, Cangas, O Porriño, Ponteareas, Vilagarcía de Arousa e Marín.

Culleredo, Arteixo, Cambre, Ames, Oleiros, Moaña, Cangas, O Porriño, Ponteareas, Vilagarcía de Arousa e Marín tamén contarán con consello cidadán

Xa que logo, serán 19 os concellos que en Galicia contarán cun consello cidadán local e máis de 200 as persoas que integren estas direccións locais. Pero por que se celebran eleccións noutros 26 concellos? Neste caso, e ao non superar os cen inscritos como no caso da maioría de municipios galegos, non poderán escoller unha dirección local, pero si que votarán por un secretario xeral, ao terse presentado en todos eles algunha persoa do círculo local para optar a liderar o partido nesa localidade. É o caso de Ribeira, A Pobra, Arzúa, Neda, Valdoviño, Ares, Cerceda, Mugardos, Betanzos, Fene, O Grove, A Estrada, Cambados, A Guarda, Gondomar, Tomiño, Lalín, Vilanova, Baiona, Burela, O Saviñao, Viveiro, O Carballiño, Allariz, Verín e O Barco.

No caso de todas estas localidades, a presenza de círculos de Podemos máis ou menos activos e/ou a presentación dun candidato avalado por eles e con cadanseu documento político asociado permitiralles contar cun secretario xeral local, aínda que non cun consello cidadán ao non superar os 100 afiliados ata o pasado 15 de novembro. Neste caso, e ao igual que no resto de localidades galegas onde Podemos leva a cabo este proceso electoral local, poderán votar tamén todos aqueles afiliados á formación ou os que se inscriban ata un día antes das votacións do 26 de decembro. Non obstante, só aqueles rexistrados como membros da formación ata mediados do mes pasado podían presentarse como candidatos.

En Galicia, e tendo en conta os 44 concellos onde se levarán a cabo as votacións, son algo máis de 10.000 os afiliados a Podemos que están chamados a elixir as súas direccións locais, pero a cifra aumentarase ben seguro nas últimas semanas. No país, e segundo os últimos datos, a formación supera os 13.500 inscritos, pero non todos eles poderán participar ao estar moitos inscritos en localidades onde non se conformarán direccións locais nin se elixirá un secretario xeral.

En Galicia hai 27 concellos onde Podemos non ten ningún afiliado, a maioría na provincia de Ourense

Malia todo, case todos os municipios galegos contan con algún inscrito de Podemos. E tan só hai 27 nos que non hai ningún afiliado á formación que lidera Pablo Iglesias, a maioría na provincia de Ourense: As Somozas, Ourol, Muras, Ribeira de Piquín, Frades, Castroverde, Láncara, Triacastela, Agolada, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, O Bolo, Carballedo, Piñor, O Irixo, San Amaro, Beade, Avión, Campo Lameiro, Sandiás, Verea, Vilar de Barrio, Vilardevós, Monterrei, Calvos de Randín, Ribas de Sil e Vilamartín de Valdeorras. 

En definitiva, e logo de rematar co proceso, o vindeiro 2 de xaneiro será cando se proclamen os candidatos elixidos. Na maioría das grandes cidades galegas, moitos deles agrúpanse en listas que comparten un documento e proxecto político, aínda que tamén hai centos de candidatos sen adscrición a listaxe ningunha. Todos eles, ademais, preséntanse cunha pequena biografía á que se pode acceder na web de Podemos. É o caso de Pancho Casal, produtor de cinema e presidente de Continental, que se presenta coa lista Claro que Podemos ao consello cidadán da Coruña, unha denominación idéntica a outras candidaturas como a que se presenta en Vigo, onde tamén acode #Vigopuede.

A dirección autonómica de Podemos en Galicia elixirase entre o 9 e o 13 de febreiro

Xusto despois de elixir as direccións locais, iniciarase o proceso para elixir os órganos de Podemos en cada unha das comunidades autónomas, tamén en Galicia. Do 7 ao 25 de xaneiro poderán presentarse candidatos e candidatas á secretaría xeral e ao Consello Cidadán, que estará formado por 34 persoas, "de forma provisional en tanto non se decida autonomamente noutro sentido". Do 26 de xaneiro ao 8 de febreiro levarase a cabo a campaña electoral e do 9 ao 13 de febreiro realizaranse as votacións.

Asemblea de Podemos nunha cidade galega © Podemos A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.