Unhas xornadas para a reconstrución da esquerda galega

Cartaz das xornadas Dominio Público Espazo Ecosocialista

Analistas políticos e representantes de PSdG, Abrente (BNG), Anova, EU, CxG e o propio Espazo Ecosocialista participarán nas Xornadas que co titulo Renovando a Esquerda se inician este xoves na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais de Compostela. As mesas de debate estarán centradas na definición de novos programas e estratexias para unha esquerda do século XXI, a reflexión ao redor da radicalidade democrática e desafección política ou as prácticas de converxencia e cooperación para a conformación de novos movementos de esquerda. Encarna Otero, Xan Facal, Manuel Barreiro, Xaquin F. Leiceaga, Xesus Veiga, Yolanda Diaz, Martiño Noriega, Xulia Guntin, Xan Duro ou Xoán Hermida participarán nestes debates. A xornada deste xoves terá continuidade o xoves 13 de nadal.

A esquerda necesita "facer unha profunda reflexión medular á vez de buscar formulas practicas que resolvan contradicións secundarias necesariamente a superar desde a cooperación e a vontade de colaboración"

Para os ecosocialistas asistimos a unha crise sen precedentes que os oligopolios e a dereita política están a aproveitar para o recorte drástico de dereitos sociais e o cuestionamento de liberdades individuais; un ataque sen precedentes aos piares do estado de benestar como o ensino, a sanidade e o benestar social; ou un proceso de intento de recentralización eliminando as pequenas cotas de autogoberno do noso país. Diante desta gravísima situación a esquerda necesita "facer unha profunda reflexión medular á vez de buscar formulas practicas que resolvan contradicións secundarias necesariamente a superar desde a cooperación e a vontade de colaboración".

Para os ecosocialistas as eleccións celebradas en Euskadi, Galicia e Catalunya amosan a demanda por parte da cidadanía de forzas situadas con claridade no campo da esquerda e que aborden esta etapa de xeito unitario:  "O exito de ICV-EUiA, igual que anteriormente o de Bildu ou o de AGE amosan que a xente respalda certos indicios de renovación e de traballo unitario".

Para os ecosocialistas as eleccións celebradas en Euskadi, Galicia e Catalunya amosan a demanda por parte da cidadanía de forzas situadas con claridade no campo da esquerda e que aborden esta etapa de xeito unitario

Neste senso, para Xoán Hermida “o xurdimento de AGE e a súa irrupción no parlamento galego é un punto de inflexión importante na reconstrución da esquerda galega. Ademais faise sobre un novo paradigma o da unidade da esquerda nacionalista e non nacionalista sobre un proxecto nacional galego. Pero ese paso necesita vertebrarse, ampliarse e consolidarse como alternativa aberta e cooperativa”. Para Hermida, “a forma de entender a praxe política no século XXI debe estar máis cerca do funcionamento das redes sociais cooperativas e do software libre en rexime aberto, para poder incorporar eficazmente as mellores ideas e aportacións coa máxima eficacia na construción da alternativa. A competitividade nese sentido representa a vella política pechada e pouco transparente deixa polo camiño aportacións intelectuais necesarias e activistas”.

Para Hermida, “a forma de entender a praxe política no século XXI debe estar máis cerca do funcionamento das redes sociais cooperativas e do software libre en rexime aberto

Conclúe que "tralos bos resultados acadados, AGE debe pilotar iniciativas unitarias que permitan amplas alianzas no marco da esquerda nacional sabéndose parte dun proxecto plural compartido entre os partidos que a compoñen pero compartido fundamentalmente coa sociedade. Na construción dun movemento político-cívico sustentado nos partidos que o conforman e nas organizacións sociais as que ten que representar, nunha dinámica bidireccional".

 

Programa das xornadas

Sesión I: Xoves 29 de novembro
16.30 a 18.30. Mesa 1. Ideas para unha esquerda do século XXI

Modera: María Xesús Bóo Feijóó (co-portavoz de Espazo Ecosocialista e membro de
Ames Novo)
Xan Duro Fernández (membro de Espazo Ecosocialista)
Xaquín Fernández Leiceaga (ex-parlamentario e membro do PSdG)
Xoán López Facal (economista e histórico dirixente da esquerda galega)
Manuel Martínez Barreiro (editor. Articulista de El Pais)

18.45 a 21.00. Mesa 2. Radicalidade democrática e desafección política
Modera: Marcos Pérez Pena (director de Praza Pública)
Manuel Dios Diz (co-portavoz de Espazo Ecosocialista)
Xosé Manoel Pereiro (decano do Colexio de Xornalistas de Galicia)
Xesús Veiga Buján (economista.e ex-parlamentario. Membro de Abrente e do BNG)
Encarna Otero Cepeda (ex-directora xeral de fomento da Xunta de Galicia)

Sesión II: Xoves 13 de decembro
16.30 a 18.30. Mesa 3. Converxencias na Cooperación en marcos plurais
Modera: Xaime Subiela (politólogo. Promotor da IBC)
Xose Manuel Pazos (ex-parlamentario e concelleiro de ACE en Cangas)
Rafael Pillado (histórico líder político da esquerda e membro do Colectivo Fuco-Buxan)
Anton Sanchez García (concelleiro de Anova en Bergondo e parlamentario de AGE)
Cesar Santiso (concelleiro de A Coruña de EU-Os Verdes)

18.45 a 21.00 Mesa 4. A esquerda renovadora diante dos novos retos
Modera: Tino Santiago (redactor da TVG)
Yolanda Díaz Pérez (coordinadora xeral de EU)
Xulia Guntín Arauxo (economista e membro da executiva de CxG)
Xoán Hermida González (coordinador de Espazo Ecosocialista)
Martiño Noriega Sánchez (alcalde de Teo, portavoz de EI e membro de Anova)

Panel conclusións 21.00 horas

Cartaz das xornadas Dominio Público Espazo Ecosocialista

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.