Portas de Galicia é un proxecto de promoción turística dos concellos do sur da provincia de Ourense, que naceu en 2010 por impulso da secretaria xeral de Turismo, a verinense Carmen Pardo, e do daquela responsable da materia no Goberno central, Joan Mesquida. Á iniciativa sumáronse doce concellos: Castrelo do Val, A Mezquita (gobernados polo PSOE), Cualedro, Monterrei, Laza e Oímbra (con alcaldes do PP do sector afín a Baltar) e Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Riós, Verín, A Gudiña e Vilardevós (do PP, próximos a Núñez Feijoo).
O proxecto ten un orzamento total de 2,5 millóns de euros, achegados a partes iguais por Turespaña, a Xunta e os Concellos. Unha entidade de pequeno tamaño, como Castrelo do Val, con pouco máis de mil habitantes, ten que achegar por exemplo 14 mil euros, repartidos en catro anualidades. O obxectivo é poñer en valor e difundir os atractivos turísticos das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, tanto naturais, paisaxísticas, monumentais, gastronómicas ou etnográficas. Até aquí todo ben. Porén, os gastos efectuados até o momento polo plan, e os escasos resultados acadados en ano e medio de actividade, fan que algúns dos concellos participantes comecen a expresar o seu descontento.
No 2011 gastáronse máis de 300 mil euros, e en 2012 está previsto desembolsar ao redor de 900 mil, a meirande parte en estudos técnicos, merchandising ou presenza en feiras turísticas
É o caso de Castrelo do Val, gobernado polo socialista Vicente Gómez, que xa manifestou o seu malestar hai un par de meses, e que na xuntanza que Portas de Galicia celebrará este luns, criticará boa parte dos gastos efectuados e da xestión realizada. No 2011 gastáronse máis de 300 mil euros, e en 2012 está previsto desembolsar ao redor de 900 mil, a meirande parte en estudos técnicos, plans de eficiencia, unha páxina web cun custe de 20 mil euros, ou a produción de merchandising, como cuncas de cerámica (11 mil euros), bolsas e libretas (21 mil euros), pen-drive (21 mil euros) ou presenza en feiras turísticas.
O alcalde da Mezquita, tamén gobernada polo PSOE, está igualmente entre os descontentos pola situación. E a esta posición poderían unirse outros catro concellos, liderador por edís do Partido Popular, pero baltaristas, que polo de agora limitaron as súas críticas ao ámbito privado.