Vázquez resta importancia aos movementos internos e chama ao debate "de fondo" no PSdeG

Xuntanza da Executiva Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

"Os problemas profundos non se arranxan nun plisplás". Deste gráfico xeito describe o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, a súa postura a respecto da renovación interna do partido e, sobre todo, do ritmo á que esta se debe desenvolver. Despois dunha fin de semana de intensos movementos internos, protagonizados esencialmente polo líder dos socialistas de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e pola plataforma En Positivo, o do Carballiño reuniu a súa Executiva Nacional para trazar a "folla de ruta" da "redefinición" do partido, un "gran debate" que non pode ser "apresurado", porque iso sería equivalente a "non facer os deberes", asegura.

Vázquez non dubida de que "todos os militantes" están xa "traballando" para "sacar adiante este partido" e, neste contexto, dálle "igual valor" ás "propostas dun militante cualificado" e ás doutro "anónimo". As propostas duns e doutros, di, escoitaranse nun proceso de debate estruturado en seis áreas temáticas (modelo económico, modelo social, modelo de Estado, calidade democrática, Europa e modelo de partido) que a dirección do PSdeG tentará levar "ata o último militante" antes do congreso extraordinario que renovará o liderado e cuxa data semella agora máis incerta.

Vázquez amosa a súa preferencia polas primarias para renovar a secretaría xeral, pero iso "é imposible" ata a mudanza dos estatutos do PSOE, no outono

Se o calendario inicial indicaba que esa cita congresual sería fixada no primeiro semestre do ano Vázquez matiza agora que "quen vai marcar as datas van ser os militantes" nun contexto no que a el "lle gustaría" que a persoa que o suceda sexa elixida pola vía das eleccións primarias. Pero "temos que distinguir entre o que nos gustaría e o que podemos facer" e "o modelo de primarias neste momento é imposible", concretamente, ata que muden os estatutos do PSOE, xa que "nós somos un partido federal, non somos o PSC", evidencia. Polo tanto, aos socialistas galegos só lles restan dúas opcións: agardar a que a conferencia política federal do PSOE mude as regras de xogo, e iso non acontecerá ata outubro de 2013, ou "vencer resistencias nas estruturas federais" para que esa cita se celebre antes. "Nós imos ir a Madrid cos nosos principios", asegura.

En calquera caso Pachi Vázquez advirte de que "a min o que me preocupan non son as persoas", senón "facer o que sempre dixemos que íamos facer e nunca era o momento", isto é, definir o ideario en puntos clave como se "somos federalistas, autonomistas ou xacobinos", "banco público si ou banco público non" ou outros aspectos de política social, económica ou identitaria. Deste xeito, e mentres os seus críticos vén nas súas formulacións unha vía para dilatar a súa estancia na secretaría xeral, Vázquez asegura que "pouca perpetuidade" hai na súa posición. "Se quixera perpetuarme faría o que fixeron os demais secretarios xerais" do Estado, isto é, "non convocar nada". "Ninguén convocou nada" malia ter "bastantes peores resultados", caso por exemplo de Catalunya, exemplifica, onde os socialistas "están no 14,5%" dos votos". O PSdeG, destaca, logrou máis do 20% nas autonómicas de outubro.

Vázquez e Orozco, nunha Executiva do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.