Vence, Aymerich ou Bascuas debaten este venres sobre o nacionalismo na Coruña

Xavier Vence CC-BY-SA Praza Pública

Carlos Aymerich, Xoán Bascuas, Ana Luisa Bouza, Alba Nogueira, Lourenzo Fernández. Prieto e Xavier Vence participarán este venres 8 de abril, na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, nunha xornada de debate sobre o futuro inmediato do nacionalismo galego e a súa conexión coas demandas da sociedade.

A xornada Nacionalismo e sociedade galega constará de varias mesas de debate sobre o futuro e presente do galeguismo

Será unha xuntanza pública e aberta á participación de calquera cidadán sobre Nacionalismo e sociedade galega. A xornada constará de dúas mesas de debate e unha rolda aberta de intervencións.

Na primeira mesa, a partir das 16.15 horas e sobre Sociedade galega, intervirán varios relatores de diversos sectores sociais (estudantes, universidade, empresa, profesionais, etc.) de entre 20 e 40 anos. Todos eles ofrecerán a súa visión acerca de "por que o galeguismo non consegue ser maioritario en Galicia e como conectar mellor coa sociedade".

Vence, Aymerich, Bascuas, Fernández Prieto, Ana Luisa Bouza ou Alba Nogueira serán os participantes

Na segunda mesa, a partir das 17 horas, será a quenda para olíticos de distintos partidos nacionalistas e galeguistas: Carlos Aymerich (ex deputado do BNG), Xoán Bascuas (Secretario Xeral de Compromiso por Galicia), Ana Luisa Bouza (vicepresidenta da asociación Somos Nós), Alba Nogueira (BNG), Lourenzo Fernández Prieto (Compromiso coa Marea) e Xavier Vence (ex-portavoz nacional do BNG).

Falarán, sen mediar moderación, en torno a tres temas: conexión nacionalismo-sociedade (ou por que fracasa o nacionalismo galego no seu obxectivo de ser maioritario); formas de organización e cooperación (electorais ou alén, que pode adoptar o galeguismo sostibles no tempo con posibilidade de éxito); e o futuro do nacionalismo galego.

Xa a partir das 18.30 horas, haberá unha rolda aberta de intervencións, un debate no que poderá participar calquera persoa asistente ao acto. 

Xavier Vence CC-BY-SA Praza Pública
Bascuas, nun acto de partido CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.