Vence chama a aproveitar as eleccións europeas para frear as políticas de recorte do PP

Ana Miranda, Xavier Vence, Iñaki Irazabalbeitia (Aralar), Jordi Solé (ERC) e Rhodri Glyn Thomas (vicepresidente de ALE) na interpretación do himno galego © Xan Muras

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, interveu este sábado na clausura da XII Asemblea da ALE, que tivo lugar en Compostela, e instou a cidadanía galega "a aproveitar as eleccións europeas do 25 de maio para frear ás políticas de recorte do PP que desmantelan servizos públicos básicos e desmantelan os sectores produtivos". Uns comicios que "son tamén"-dixo- "unha oportunidade para penalizar un PP que goberna instalado en prácticas corruptas". "Temos que levar alí a voz da nosa nación, dos nosos sectores produtivos esnaquizados por políticas europeas e españolas inxustas. Temos unha oportunidade para empezar a construír outra Europa”, salientou Vence ante os representantes das 40 forzas políticas presentes na asemblea.

Vence acusou a Feijoo de carecer dun "proxecto de futuro para Galiza" e de colaborar "submisamente no proceso recentralizador do PP estatal", asumindo "un rol subsidiario" e actuando "ao servizo dos lobbies económicos madrileños"

Ademais, Vence acusou a Feijoo de carecer dun "proxecto de futuro para Galiza" e de colaborar "submisamente no proceso recentralizador do PP estatal", asumindo "un rol subsidiario" e actuando "ao servizo dos lobbies económicos madrileños: gran banca, eléctricas, grandes construtoras e empresas de servizos”. O portavoz nacional do BNG tamén subliñou que os comicios á Eurocámara son unha oportunidade para penalizar as prácticas corruptas do PP que poñen en evidencia as diferentes tramas investigadas pola xustiza: “Na trama Pokemon pedímoslle a Feijóo que cese aos corruptos pero, en realidade, como vai facelo se el é o xefe dun partido corrupto de arriba abaixo, que goberna en contra da maioría social e do país”.

Neste sentido, Vence replicou ao intento do PP de “pór o ventilador” para insistir no seu discurso de xeneralizar as prácticas corruptas. “Non, non somos iguais, no BNG estamos contra a privatización de servizos públicos e, como queda evidente no sumario da Pokemon, se non entraron en Pontevedra, onde gobernamos desde 1999, é porque non somos iguais, é porque o BNG non se corrompe”, dixo.

O portavoz nacional bo BNG salientou neste senso a importancia dos procesos de Escocia e Catalunya “como estímulo” para o resto das nacións sen estado de Europa

O máximo dirixente do Bloque expuxo ante os responsables políticos de Catalunya, Euskadi, Escocia, Gales, Flandes e das outras nacións sen estado representadas na ALE, que "é necesario mudar as regras e as políticas se queremos recuperar o benestar da maioría social”, comezando "por acadar maiores cotas de autogoberno camiñando cara a soberanía, co ritmo que marque a cidadanía de cada país". O portavoz nacional bo BNG salientou neste senso a importancia dos procesos de Escocia e Catalunya “como estímulo” para o resto das nacións sen estado de Europa, como Galiza, por iso avogou por “sumar todas as voces dos demócratas para esixir ao Estado Español que respecte o dereito a celebrar o referendo con todas as garantías”.

Intervención de Xavier Vence na clausura da XII Asemblea da ALE © Xan Muras

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.