Vence e Beiras reúnense antes da presentación do preacordo de Anova, EU e Podemos

Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública / Óscar Corral

O encontro levaba tempo pendente e celebrouse este xoves, pouco máis de vinte e catro horas antes de que Anova, Podemos e EU presenten a súa declaración política, o "preacordo" ao que chegaron para adoptaren posición común cara ás eleccións xerais que, segundo vén de confirmar Mariano Rajoy, se celebrarán o 20 de decembro. Xosé Manuel Beiras e Xavier Vence sentaron á mesma mesa para, coa casa do líder do BNG como escenario, abordaren o panorama político que se abre no país cara a eses comicios e expoñeren as posturas de cadansúas formacións sobre unha eventual confluencia.

Na semana en que os membros de Marea.gal decidiron non fusionarse con Iniciativa pola Unión, que á súa vez está a votar a súa coordinadora, fontes coñecedoras do contido da xuntanza entre os portavoces nacionais de Anova e Bloque sinalan que o ton do encontro foi "cordial" e enmárcano nun escenario que, salientan, aínda está "aberto" cara á conformación dunha eventual candidatura galega para o 20-D. A reunión produciuse tras a suspensión dun contacto orgánico entre as dúas forzas, que finalmente chegará a semana que vén.

Vence expúxolle a Beiras a necesidade da unidade materializada como unha candidatura galega que aposte por un grupo propio

Pola banda do BNG Vence expúxolle a Beiras a necesidade de que as forzas políticas favorezan a unidade electoral materializada nunha candidatura galega que aposte por un grupo parlamentario propio. Neste sentido, indican as fontes consultadas, o Bloque coida que Iniciativa pola Unidade é o marco no que se pode fraguar esa posible confluencia.

Beiras animou a Vence a contactar coas mareas municipais e subliñou que apoia un "suxeito político galego" que sexa "soberano"

O líder de Anova, pola súa banda, animou a Vence a contactar directamente coas mareas municipais, que a xuízo de Anova amosan o vieiro que veu seguindo a "unidade popular" nos últimos anos no país. Xosé Manuel Beiras, sinalan fontes da súa contorna a Praza, indicou que este é o espazo político no que se vén movendo a formación dende a creación de AGE e esa, indican, é tamén a razón pola que se fiou o preacordo con EU e Podemos o cal, resaltan, non é un pacto electoral. Por este motivo, aseguran, Beiras detalloulle a Vence algúns dos puntos desta declaración, especialmente no que atinxe á aposta dun "suxeito político galego" que sexa "soberano".

O preacordo presentarase xunto a "outros axentes necesarios para o proceso de confluencia"

Con este pano de fondo está previsto que "a vindeira semana" se celebre unha xuntanza formal entre Anova e BNG, na que a formación frontista indicará que aposta pola unidade se esta non ten dependencia das decisións de formacións estatais como Podemos. Para daquela será público xa o preacordo que centrou o debate en torno á confluencia nos últimos días, o cal será presentado por "representantes dos tres partidos" xunto "outros axentes necesarios para o proceso de confluencia de cara ás eleccións ás Cortes", indican.

Xavier Vence e Xosé Manuel Beiras CC-BY-SA Praza Pública / Óscar Corral

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.