Vence: "O BNG aposta por tender pontes e sumar forzas no espectro do nacionalismo"

Xavier Vence CC-BY-NC-SA BNG

Xavier Vence (Rodeiro, 1961) é catedrático de Economía Aplicada e un dos economistas de maior prestixio do país. Colaborador do BNG en diferentes ámbitos, nos meses previos á Asemblea Nacional que a formación celebra o vindeiro día 17 tivo un relevante peso na redacción das teses políticas que están a debate no proceso. Co seu nome nas quinielas para a portavocía nacional dende hai semanas, Vence debulla polo miúdo os contidos políticos dos relatorios da asemblea, manténdose polo momento á marxe do debate público sobre a renovación no liderado do Bloque.

Os textos a debate na asemblea formulan como grandes obxectivos "espallar o nacionalismo, impulsar a democracia e revitalizar o BNG"; semella moi ambicioso...
Hai obxectivos xerais, que son adecuar a estratexia política e definir un plan de acción política axeitado ao momento político actual, que é moi complexo e convulso, con cambios moi acelerados e con grandes novidades sobre a crise institucional do Estado e en Galiza. Ese é o principal obxectivo, poñer ao día un diagnóstico e unhas liñas de acción política acaídos a este contexto. E o segundo é introducir cambios no funcionamento da organización para corrixir algúns dos erros que se veñen detectando nos últimos anos e encetar unha dinámica nova.

O Bloque vén centrando a súa mensaxe política dende a asemblea de Amio na defensa da soberanía para Galicia. Hai quen di que isto non toca, en plena crise...

"A aposta pola soberanía non é nova no programa do BNG, é a esencia do BNG dende que se creou e do nacionalismo dende as Irmandades da Fala"

Non son dúas cousas diferentes, no fondo son a mesma cousa. A primeira cuestión que queda clara nos textos é que a aposta pola soberanía non é algo novo no programa do BNG; é a esencia do BNG dende que se creou e a esencia do nacionalismo dende as Irmandades da Fala. Dende o Manifesto de Lugo de 1918 o programa do nacionalismo é a conquista da soberanía total, como xa se dicía daquela. Os acentos nesa cuestión e as fórmulas concretas na loita política diaria poden ir variando algo no tempo. Neste momento, ademais, o que está moi claro é que hai unha relación moi estreita entre as causas da crise económica e a ausencia de soberanía, tanto por parte das nacións sen estado como por parte mesmo das nacións que teñen estado. O proceso de globalización foi erosionando de xeito moi profundo as capacidades reais dos gobernos para tomar decisións de política económica, para definir as prioridades en función dos intereses da poboación... iso é o que esta crise pon de manifesto, hai unha contradición absoluta entre globalización, liberalización, ausencia de regulación e resolución dos problemas da cidadanía. E hai, ademais, unha contradición disto coa democracia, nun contexto de presión absoluta dos mercados nun marco desregulado, a democracia vai perdendo substancia e significado, porque as decisión que adopta a poboación despois non se aplican na práctica. Os gobernos, alén da súa cor política, con ese marco teñen pouco que facer. Por iso hai que recuperar a soberanía, para recuperar capacidade de decidir en función dos intereses do país e para que a democracia teña sentido e significado.

As teses formulan un referendo de autodeterminación como un chanzo para a consecución da soberanía. Catalunya ou Euskadi avanzan aos seus respectivos ritmos cara a ese obxectivo, como encaixa Galicia nesas aspiracións, dada a actual situación política do país?
No contexto no que estamos hoxe, tanto a nivel europeo como no marco da crise institucional do Estado español, a ninguén lle ten que meter medo a afirmación de que Galiza se pode gobernar por si mesma. Temos suficiente capacidade de xestión, organizativa e capital humano no país como para poder administrarnos sen tutelas ningunhas. Máis ben todo o contrario, temos que ter marxes de liberdade para tomar decisións en función dos nosos intereses e e as cousas poderían funcionar moito mellor. Formular ese horizonte non é nada estrambótico nin debera de chocar en exceso, agás a aqueles que teñen un preconcepto ideolóxico moi forte. Nos últimos anos en Europa creáronse moitos estados novos e estanse creando novos estados, e iso é a expresión dun proceso natural. Os pobos que teñen unhas características de identidade propias e que teñen unha certa conciencia de pobo con intereses específicos decátanse que mellor estaren gobernados por si mesmos que dependeren de estruturas alleas. En que medida a cidadanía galega neste momento ten esa visión do problema e a acepta ou concorda con ela? É algo que neste momento é posible que sexa unha visión non maioritaria, pero tamén creo que cada vez hai máis xente que non lle ten medo a formular esa opción con certa valentía. O que hai é que formulalo e defendelo democraticamente na sociedade.

Nas teses avógase por traballar “a prol dunha “ampla unidade na acción social de todas as forzas nacionalistas” e ter “relacións cordiais con todos os grupos nacionalistas”. Hai poucos meses isto semellaba difícil...

"Hai que atopar tender pontes no ámbito do nacionalismo e, se for posible, confluír nunha colaboración estreita"

Nas teses apóstase claramente por tender pontes no ámbito do nacionalismo para, xustamente, sumar forzas e avanzar neste proceso de toma de conciencia nacional, de loita pola soberanía para cambiar as políticas económicas actuais. Neste sentido hai que sumar forzas e a poder ser, o máis estreitamente posible. Ese é o sentido no que vai o relatorio que se somete á aprobación definitiva da asemblea. Obviamente, a disposición é boa e todo o mundo sacou conclusións dun proceso de reflexión autocrítica do que pasou nos últimos anos, en particular no último, e nese sentido sería bo que todo o mundo fixese o mesmo e puidésemos atopar espazos de colaboración máis estreitos e mesmo, se for posible, de confluír nunha colaboración estreita entre todo o que hai hoxe no espectro do nacionalismo de esquerda.

Apostan tamén por artellar unha “coalición de organizacións soberanistas e de esquerda das nacións sen Estado”. As eleccións europeas son o primeiro paso?
O que se formula é que cómpre traballar na defensa da opción soberanista a nivel europeo de forma coordinada e aí sumar forzas. Hai moitas nacións sen estado que están neste proceso, algunhas nun punto máis avanzado que o noso. O que cremos positivo é sumar forzas nesa dirección. As eleccións europeas son un aspecto puntual importante, para tratar de conseguir unha representación o máis ampla posible das nacións sen estado e das opcións soberanistas no Parlamento Europeo, para ter máis capacidade de reivindicación. Unha forma posible tamén é que a nivel estatal ese tipo de alianzas se reforcen coas outras organizacións nacionalistas e soberanistas das outras nacións sen Estado.

Os documentos apostan por que a militancia individual teña un papel “central” na organización do Bloque. Trátase de rebaixar o peso dos colectivos e partidos que conviven no BNG?

"Nas teses apúntase que o protagonismo estea volcado nas estruturas do BNG e menos nas organizacións que a compoñen"

O que se apunta no relatorio é que hai que revisar e corrixir os erros de funcionamento e disfuncionalidades. Dende logo, unha das cuestións que aí se apunta é que hai que converter, como tal organización, no espazo onde se debaten, se discuten, se elaboran e acordan todas as decisións importantes da acción política, de tal forma que o protagonismo non só externo, senón tamén na vida interna estea volcado nas estruturas do BNG e menos nas organizacións que o compoñen. Para reforzar, xustamente, a lóxica de conxunto e maior cohesión e maior confianza para despois trasladalo á sociedade. Aí hai unha serie de apostas xerais, que despois se materializan en toda unha serie de cuestións máis miúdas e iso pasa por que a militancia invidual teña cada vez maior protagonismo.

Xavier Vence CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.