Veto policial ao alcalde de San Sadurniño nun acto oficial tras preguntarlle "de que partido é"

Un intre do acto conmemorativo © @ivanpuentes

O tradicional atraso ferroviario galego as dificultades de certas comarcas do país para acceder ao tren ten en Ferrolterra un dos seus maiores expoñentes, agora agudizado pola anunciada supresión de liñas, vinculada polo Ministerio de Fomento á "modernización" de infraestruturas. Este foi o contexto no que o pasado domingo se celebrou o centenario do tren que uniu por primeira vez Ferrol e Betanzos, un acto ao que os gobernos galego e central decidiron outorgarlle un perfil baixo. Non asistiu a ministra Ana Pastor nin o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Quen si quixeron estar presentes foron os membros da Mesa en Defensa dos Camiños de Ferro da comarca, entre eles o alcalde de San Sadurniño, Secundino García (BNG), cuxa entrada foi vetada por axentes da Policía nacional.

A prohibición de acceso a García produciuse despois de que chegase ás inmediacións da estación do tren de Ferrol o "cortexo reivindicativo" organizado por este colectivo cidadán para reclamar o mantemento das conexións ferroviarias coa comarca. Mentres diversos cargos políticos -alcaldes, edís, deputados e deputadas- accedían ao recinto que acollía o inicio da celebración "tíñannos confinados fóra da estación", explica o rexedor de San Sadurniño en conversa con Praza Pública. Dado que a ningún dos asistentes se lle requiría "acreditación" ou convite oficial, o nacionalista dispúxose a acceder ao acto, para o que era necesario franquear o cordón policial, formado por unha decena de axentes.

O rexedor participou na mobilización na defensa do ferrocaril na comarca que se celebrou antes dos actos oficiais

Ante os antidisturbios "identifiqueime como alcalde e dixen que quería pasar", pero "o policía negouse", relata García. Ante esta negativa inicial, o rexedor amosou o seu documento de identidade e reiteroulle que "era alcalde". O axente, pola súa banda, "preguntoume de que partido era", unha información que Secundino García non considerou relevante para impedir que un cargo público acceda a un acto oficial. O requirimento policial acendeu os ánimos dos manifestantes mentres que o antidisturbios, pola súa banda, amagou con realizar detencións, segundo fontes presenciais.

Para o alcalde de San Sadurniño o acontecido onte, alén do incidente no que se viu envolto, é "unha burla cara á comarca": "Non digo que non se faga un acto de conmemoración da chegada do tren a Ferrol", di, se ben considera "normal" que se atendan as reivindicacións "da cidadanía que vai lembrar a quen está conmemorando o centenario que reivindicamos un tren normal para a comarca". "Non eramos un perigo de orde pública", subliña. Aínda así, lamenta, os axentes distinguen a certos "cidadáns de primeira" mentres tentan "silenciar" os demais. Pero o tren que onte se lembraba foi hai cen anos "de Ferrol a Betanzos cheo de cidadáns", ilustra o alcalde.

Un intre do acto conmemorativo © @ivanpuentes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.