En Marea pide “a fin da impunidade do franquismo e da familia Franco”. Logo dunha reunión mantida coa Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica, o portavoz da formación criticou o PSOE pola súa “falta de valentía para aplicar plenamente a Lei de Memoria Histórica”, pero tamén o PP pola súa “falta directamente de vontade política”.
Ás portas do Pazo de Meirás, acompañado por candidatos ao Congreso e ao Senado de En Marea, o seu voceiro sinalou os populares por “sentirse herdeiros dos que espoliaron os bens que eran do pobo” e lamentou que os Franco puxesen “prezo” ás Torres cando, dixo, “non o teñen” porque o seu valor é “incalculable”.
En Marea levará ao Congreso unha iniciativa para a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo
Ademais, Villares adiantou que En Marea levará ao Congreso unha iniciativa para a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo e tamén “a necesidade de recuperar pola vía xudicial, sen expropiación e sen indemnización” o Pazo de Meirás porque o pobo galego “xa pagou unha vez” cando fixo “a achega para, como un botín de guerra, engregarllo á familia do ditador”.
Respecto da oficina de atención ás vítimas, Villares asegurou que terá como obxectivos “asesorar, localizar e exhumar todas as persoas enterradas en fosas e cunetas” para darlles así “sepultura digna”. Tamén demandará “a anulación de todos os procesos do franquismo que levaron a condenas que foron simples farsas” e a “recuperación dos bens espoliados”, para o que fixo referencia ás figuras de Abraham e Isaac, así como o comezo das investigacións necesarias para identificar os bebés roubados durante o réxime fascista e “poñelos en contacto coas súas familias”.