O grupo parlamentario no que permanecen os dez deputados de Anova, EU e Podemos denominarase Grupo Común da Esquerda e reivindícase como “lexítimo herdeiro” das diferentes iniciativas de unidade popular pero, sobre todo, como “unha peza” máis coa que se pretende construír unha futura candidatura rupturista para as autonómicas do vindeiro ano.
Así o explicaron a maioría dos seus compoñentes nunha rolda de prensa na que advertiron dunha denominación que só denomina o grupo parlamentario pero non ten nada que ver co nome dunha suposta marca electoral para os comicios. A esta presentación contestou axiña Luís Villares, portavoz do grupo que saíu da antiga En Marea e mantivo o nome para marchar ao grupo mixto, que asegurou que sería “mellor” que o novo grupo “se chamase directamente Podemos para que ninguén se chamase a confusión”.
Villares cre que sería "mellor" que o novo grupo "se chamase directamente Podemos para que ninguén se chamase a confusión"
Para Villares, o proxecto presentado este martes “nada ten que ver” coa “idea” de unidade popular concibida por Xosé Manuel Beiras, chama a Anova a “unha reflexión” sobre “o camiño” que levan da man de EU e Podemos e avisa de que as portas de En Marea “están abertas”. Ademais, asegurouse convencido de que a formación morada é “quen manda de forma férrea” no novo grupo.
Villares tamén asegurou que a pasada lexislatura estatal amosou un grupo “que se chamaba confederal” pero que era “absolutamente centralista” e “anulou” En Marea como espazo politico “con capacidade de incidir” cunha axenda galega. Para o portavoz de En Marea, Podemos “aproveitouse” de “réditos electorais” achegados por Beiras e foron “usados en beneficio propio, desprezando o proxecto común de nación galega da que falaba o histórico mestre”.
Por outra banda, na presentación do Grupo Común da Esquerda, o seu portavoz institucional, Manuel Lago, aclarou que haberá “unha candidatura de unidade rupturista” e que este grupo será “unha peza” na súa construción, pero sen aclarar se Anova formará parte dela.
“Común da Esquerda representa esa tradición da unidade popular en defensa dos intereses da cidadanía e de Galicia como nación"
“Común da Esquerda representa esa tradición da unidade popular en defensa dos intereses da cidadanía e de Galicia como nación; isto é un cambio de nome, non un camboi de proxecto. O proxecto vén de lonxe e vai para lonxe. Naceu con AGE e continuou co éxito das mareas municipalistas. O noso grupo é lexítimo herdeiro desa experiencia”, explicou Lago.
Ademais, o grupo asegurou que xa ten acordado que a representación publica sexa “coral e plural” porque “a idea dun portavoz único” non lles gusta porqueue”non se correspondía coa realidade do grupo”.
Así, Lago será portavoz institucional con Carmen Santes e Luca Chao e Antón Sánchez exercerán de viceportavoces, sendo este último o protagonista dos debates no Parlamento e Chao a encargada da relación cos medios.