Vimianzo denuncia xudicialmente varios cargos da Xunta por prevaricación

Castelo de Vimianzo © Turgalicia

O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, vén de presentar unha denuncia contra varios cargos da Dirección Xeral de Administración Local, dependente da Consellaría de Presidencia, por presuntos delitos de prevaricación, amenazas e coaccións. En concreto a denuncia, que foi entregada nos xulgados de Santiago de Compostela este xoves, diríxese contra José Alberto Pazos Couñago, director de Administración Local, contra Ana Otero Ferreiro, subdirectora de Réxime Xurídico e contra Ángela María Viqueira, xefa de servizo. A razón é que este departamento leva semanas paralizando o nomeamento da secretaria do Concello, polo que dende hai un mes Vimianzo carece desta figura, imprescindible por exemplo para aprobar os orzamentos municipais, para a concesión de licencias e a aprobación doutros trámites para os cidadáns e cidadás da vila.

"Queren pechar o Concello, queren que crear unha imaxe de conflitividade en Vimianzo. Están instrumentalizando a administración para desestabilizar o goberno municipal por todos os medios"

A denuncia tamén vai dirixida contra seis concelleiros de oposición e contra o seu asesor xurídico, José Manuel Roibás Vázquez. E é aquí, nas relacións de amizade e políticas entre os concelleiros locais e os cargos de Presidencia, onde Manuel Antelo atopa a explicación a este bloqueo: "Queren pechar o Concello, queren que crear unha imaxe de conflitividade en Vimianzo. Están instrumentalizando a administración para desestabilizar o goberno municipal por todos os medios", denuncia.

A Consellaría de Presidencia recibiu o pasado 30 de abril a solicitude para que fose nomeada en comisión de servizo a Cristina Varela, secretaria do Concello de Negueira de Muñiz, e que xa ocupara o posto de secretaria do Concello de Vimianzo no pasado. "O expediente é de obrigado cumprimento cando está completo, non é discutible, non é discrecional", destaca Antelo. Porén, dende a Dirección Xeral de Administración Local paralizouse o nomeamento argumentando que existía unha denuncia contra esta muller por parte dalgúns concelleiros da oposición. Esta denuncia, xusta ou non, non debería ser un obstáculo para un nomeamento que, cumprimentados todos os trámites burocráticos, é habitualmente automático. Así llo fixo saber tamén á Xunta o Ministerio de Administracións Públicas ou a FEGAMP, que apoia completamente o Concello de Vimianzo neste estraño conflito.

Para Antelo, na base de todo está a "defensa dos intereses particulares dalgúns dos concelleiros da oposición, que estiveron 25 anos no goberno. Grazas aos seus contactos chegan até o extremo de que toda unha administración que debe funcionar cun criterio obxectivo, de equidade e de respecto ao cumprimento da lei, interveña violentando os procedemento co único obxectivo de violentar o Concello de Vimianzo, os seus veciños e veciñas e o seu alcalde". Antelo denuncia que con estas manobras dilatorias buscan coaccionar a secretaria para que renuncie á praza. E atopa, sobre todo, na figura do citado avogado José Manuel Roibás Vázquez a peza que explica o puzzle. 

Roibás ten unha relación persoal directa cos cargos de Presidencia denunciados xudicialmente por Antelo

Roibás, que foi asesor xurídico do Concello de Vimianzo durante varios anos, ao igual que de moitas empresas da zona, e que tamén é coñecido por traballar na defensa de Cacharro Pardo no proceso xudicial da Operación Muralla, é na actualidade así mesmo o asesor xurídico do Concello do Pino. A secretaria municipal do Concello do Pino é Ana Otero Ferreiro, subdirectora de Réxime Xurídico da Dirección Xeral de Administración Local. Roibás ten unha relación persoal directa cos cargos de Presidencia denunciados xudicialmente por Antelo.

Antelo sinala que "a miña paciencia é grande, pero non é infinita" e pregúntase "Se isto o fan cun concello ou cun alcalde, que non farán cun cidadán"

Na base do conflito está tamén, obviamente, a fallida moción de censura que este grupo de concelleiros tentou presentar contra Manuel Antelo, e que foi frustrada pola expulsión de varios deles do PSdeG-PSOE e a posterior aplicación da norma antitransfuguismo. Antelo sinala que "a miña paciencia é grande, pero non é infinita" e pregúntase "Se isto o fan cun concello ou cun alcalde, que non farán cun cidadán".

Castelo de Vimianzo © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.