Vinte días para pactalo todo nos concellos

Votación unánime no pleno vigués © Concello de Vigo

Os axustados escenarios debuxados polas enquisas preelectorais -cuxa publicación está prohibida dende o pasado luns- dispararon nas últimas semanas as cábalas sobre o xeito en que se configurarán os vindeiros gobernos municipais en xeral e, moi especialmente, nas sete grandes cidades e nalgunhas vilas de Galicia. Neste contexto non faltan as análises que auguran longas e duras negociacións entre partidos, xa sexa por que o PP busque o apoio de Ciudadanos ou porque as forzas da esquerda tarden en concordar. Estas conversas poderán ser todo o complexas que consideren quen forme parte delas pero, en ningún caso, excesivamente longas. Como norma xeral as forzas políticas dispoñen de vinte días, nin un máis, para pactalo todo.

As disposicións establecidas pola lei electoral para as eleccións municipais impiden o mantemento de longos períodos negociadores e, tamén, a reiteración de votacións para elixir alcalde ou alcaldesa. Os grupos políticos nin sequera dispoñen de marxe de manobra para fixar a data de constitución das novas corporacións municipais. Ben ao contrario, a LOREX deixa claro que, tras as eleccións do 24 de maio, os novos concellos teñen que botar a andar "o vixésimo día posterior ás celebración das eleccións", isto é, o 13 de xuño. No caso de que algún grupo "presentarse recurso contencioso-electoral" contra os resultados -impugnando o reconto dunha mesa electoral, por exemplo-, a constitución atrasaríase ao "cadraséximo día posterior ás eleccións", é dicir, ao 3 de xullo.

As novas corporacións constitúense o vindeiro 13 de xuño

Así as cousas, en condicións normais o 13 de xuño os novos concelleiros e concelleiras terán que acudir ás súas respectivas casas consistoriais, onde se constituirá a Mesa de Idade, formada polos edís de maior e menor idade da corporación e polo secretario ou secretaria municipal. Esta Mesa é a encargada de comprobar que as persoas que acudiron son, efectivamente, quen saíron elixidas nas eleccións e declara constituída a corporación se están presentes máis da metade dos edís. Se isto non sucedese, agardaríase dous días, ata o luns 5, e proclamaríase igualmente a constitución.

Se a elección non se produce por maioría absoluta será alcalde ou alcaldesa a persoa que encabezase a lista máis votada nas eleccións

Unha vez constituída a corporación chega o momento de elixir quen a preside, a alcaldesa ou alcalde. Segundo a lei poden optar ao posto "todos os concelleiros que encabecen as súas correspondentes listas". Así, se un acordo entre grupos implicase elixir alcalde ou alcaldesa a alguén que non encabezase a candidatura da súa formación, teríase que producir previamente un corremento de lista. O resultado desta votación ten que ser, forzosamente, unha maioría absoluta para poder nomear novo rexedor ou rexedora. Polo tanto, non cabe a posibilidade de facilitar unha investidura optando pola abstención. E, que acontece se ninguén obtén esa maioría? Que "será proclamado alcalde o concelleiro que encabece a lista que obtivese maior número de votos populares", isto é, da lista máis votada. Se dúas candidaturas recibiron exactamente os mesmos votos ese empate "resolverase por sorteo".

Votación unánime no pleno vigués © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.