“O fomento do odio entre veciños merece todo o noso rexeitamento e a nosa enérxica condena. Un alcalde demócrata debe traballar por unir os veciños do seu concello, non por sementar o odio entre eles e tratar de dividilos”. Deste xeito respondeu o PP, a través de Jacobo Moreira -portavoz no concello de Pontevedra- á multitudinaria manifestación que o venres rexeitou a prórroga concedida a ENCE.
Moreira facía fincapé nas declaracións do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que augurou que se os populares seguían adiante con esta decisión ían ser "corridos a gorrazos electoralmente". Con todo, sexa unha ou outra a escusa (unha declaración, un acto illado), nos últimos anos o Partido Popular adoita recorrer ao argumento da violencia e o radicalismo cando a formación é criticada polas decisións adoptadas dende as institucións ou polos casos de corrupcións nos que o PP está implicado. As máis das veces, ademais, os representantes populares chegan a realizar auténticas cabriolas neste proceso de ligazón de causas e consecuencias e duns feitos con outros.
As máis das veces, ademais, os representantes populares chegan a realizar auténticas cabriolas neste proceso de ligazón de causas e consecuencias e duns feitos con outros
Nesta ocasión, Moreira deixou caer nas súas declaracións ao fío das palabras de Lores, cualificadas de "incitación á violencia" que “despois lamentámonos cando ocorren determinados feitos violentos”, en referencia -quizais- á agresión sufrida na cidade por Mariano Rajoy durante a pasada campaña electoral. Xa naquela ocasión Beatriz Escudero, candidata do PP por Segovia, chegara a sinalar a Pedro Sánchez como incitador da agresión: "O síntome orgulloso de insultalo de Sánchez, leva ao síntome orgulloso de pegarlle. A irresponsabilidade do PSOE é indecente".
Nos últimos anos o PP relacionou coa violencia as protestas dos preferentistas, as folgas xerais e os piquetes, a loita contra os desafiuzamentos e utilizouna como bomba de fume ante as críticas pola corrupción, empregando unha estratexia de vitimización do partido e dos seus representantes ante os ataques de minorías radicalizadas. Así, ante as protestas dos e das afectadas polas preferentes no Parlamento, o propio Núñez Feijoo elevaba a voz ante uns feitos "graves" e cualificaba de "inxustificable" que algúns deputados quedasen nos seus escanos "aplaudindo" a quen proferían "insultos e ameazas graves" aos membros do Goberno autonómico. Tamén o alcalde de Ponteareas, Salvador González Solla, denunciara a existencia de "infiltrados radicais" que "nada teñen que ver coas preferentes" e que estaban utilizando "a violencia como arma arreboladiza".
En resposta ás críticas contra os desafiuzamentos, María Dolores de Cospedal criticaba prácticas como "ir a casa de alguén, sinalalo, dicirlle 'sei onde vives' e exercer violencia verbal ou física contra el ou contra a súa familia". E Núñez Feijoo buscou evitar o debate no Parlamento galego sobre a corrupción do PP acusando a Beiras de “incitar á violencia” e afirmando que AGE exercía cos seus "insultos" a "maior violencia en 30 anos de democracia".
Non perden a ocasión Núñez Feijoo e outros dirixentes do PP de sinalar o "radicalismo" e "extremismo" da maior parte dos seus competidores políticos
Non perden a ocasión Núñez Feijoo e outros dirixentes do PP de sinalar o "radicalismo" e "extremismo" da maior parte dos seus competidores políticos, dende o BNG a Anova e AGE ata, máis recentemente, Podemos e as Mareas. Na campaña electoral do 20D dixo sobre Pablo Iglesias que "ten que asumir que hai unha maioría de galegos que non pensan como el ou que non están de acordo co líder do partido co que se coaliga aquí e que xustifica as bombas de Resistencia Galega''. O presidente da Xunta resumía o seu pensamento en que "hai un partido moderado e centrado en Galicia, despois os nacionalistas radicais, a esquerda radical e o PSOE que, polo que se ve, está disposto a gobernar con este tipo de partidos". É dicir, todo o que non é PP é extremismo.
Unha idea que os populares fixeron explícita en varios argumentarios internos nos últimos anos, por exemplo no que difundiron entre os seus cargos nos últimos días da campaña do 20D (Vota PP: Rajoy o una alianza radical de izquierdas).