Wert, deputado por 'La Coruña' preocupado polos "programas de horror"

Wert, na súa etapa como deputado e na actualidade © Congreso dos Deputados/Goberno de España

Todo o mundo ten un pasado e os membros dos gobernos, tamén, máis aínda se desenvolven a súa actividade política durante un período de tempo dilatado. Este é o caso, por exemplo, do actual ministro de Educación, José Ignacio Wert, un dos membros máis mediáticos, por controvertido, do Goberno central que non é, nin moito menos, un debutante na cousa pública malia non ser especialmente coñecido nin recoñecido ata que chegou ao gabinete de Mariano Rajoy. Pero a súa militancia política comezou, cando menos oficialmente, nos anos 70. E lonxe das latitudes ideolóxicas do que actualmente é o PP: nunha formación denominada Izquierda Democrática, se ben o madrileño non representou a este partido na súa estrea no Congreso dos Deputados como deputado... pola Coruña (La Coruña, segundo consta no arquivo do Congreso en virtude da legalidade vixente na época).

Malia aos seus inicios esquerdistas en 1977 Wert pasou a integrarse na Unión de Centro Democrático (UCD) de Adolfo Suárez e, en 1983, no Partido Demócrata Popular (PDP), polo que foi edil no Concello de Madrid e no que desempeñou labores de voceiro. Xa en 1986 o actual titular de Educación dá o salto á política estatal e faino ao xeito do que no século XIX se coñecía como cuneros, isto é, presentándose ás eleccións xerais por unha provincia que non é a súa. Fíxoo pola Coruña e obtivo un escano para a Agrupación de la Democracia Cristiana (ADC), en representación do PDP.

Wert cuestionou os dirixentes de RTVE pola "emisión de programas de horror en horario de máxima audiencia" ou por unha reportaxe dedicada a Fraga

Non foi moi prolongada a estancia de Wert no Congreso. Deuse de alta como deputado o 16 de setembro de 1986 e de baixa, o 30 de setembro de 1987. Durante ese período e dende o grupo mixto exerceu labores de oposición ao Goberno do PSOE que presidía Felipe González especialmente centrado na comisión de control de Radio Televisión Española. Alí presentou un bo volume de iniciativas vinculadas a diferentes aspectos da xestión e programación da televisión pública. Así, por exemplo, cuestionou aos responsables da RTVE da época pola "emisión de programas de horror en horario de máxima audiencia", ou por amosar en pantalla unha reportaxe titulada Fraga: el león en invierno

José Ignacio Wert foi especialmente belixerante co labor de RTVE na etapa na que a súa presenza no Congreso cadrou coa da directora de cinema Pilar Miró na dirección xeral do ente público. Así, por exemplo, preguntoulle pola súa "opinión" polo mal "tratamento" que, ao seu xuízo, tiñan os "debates de actualidade" na programación da canle pública ou instouna a definir o seu criterio "acerca de se as grandes competicións deportivas nas que participa o equipo español son de exclusivo interese das comunidades autónomas que accederon á autonómía pola vía da disposición transitoria segunda da Constitución" -caso, por exemplo, de Galicia-.

Tamén cuestionaba Wert o reparto de tempos nos informativos para dar conta da actividade dos diversos partidos políticos. Así, censurou ante Pilar Miró que durante xaneiro e febreiro de 1987 o PSOE "apareceu durante corenta e un minutos en xaneiro e corenta e nove minutos en febreiro". Alianza Popular -xermolo do actual PP-, pola súa banda, criticaba, tivera "practicamente ciuenta e oito minutos" e "o partido que me honro en representar, o PDP, ten unha aparición de cincuenta e cinco segundos" en xaneiro "e seis minutos en febreiro".

 

Wert, na súa etapa como deputado e na actualidade © Congreso dos Deputados/Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.