Xavier Vence liderará o BNG

Xavier Vence CC-BY-NC-SA BNG

Agás sorpresa maiúscula, o economista Xavier Vence (1961) liderará o BNG ao aceptar este venres o convite para se converter no novo portavoz nacional da formación  nacionalista. A súa lista será, con case toda seguridade, a única que se presente na Asemblea Nacional que o Bloque realizará a vindeira fin de semana en Compostela e na que se conformará unha dirección moi renovada.

Vence non logrou convencer a Aymerich para que membros de Abrente se incorporasen á lista

Malia que o intentou até última hora, o catedrático da USC non logrou convencer a Carlos Aymerich para que membros do colectivo Abrente se incorporasen tamén á lista dunha candidatura única que será hoxe referendada polo Consello Nacional do BNG e na que se rebaixará o peso da UPG, ao incluírse máis pluralidade e máis protagonismo para os sectores independentes, pero sen lograr incluír as correntes críticas.

Figuras históricas do nacionalismo integrados en Abrente, como Camilo Nogueira, Xesús Veiga ou os alcades de Tomiño e Bueu, Félix Juncal e Sandra González, manteranse á marxe e non terán posto nos órganos de goberno. Si continuará na dirección deputada Carme Adán, pero non é tan seguro que siga Francisco Jorquera, voceiro no Parlamento, aínda que se prevé que poida haber até máis de dez caras novas na dirección nacionalista.

Xavier Vence, Fernández Lores e Jorquera © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.