Xúlgase a Rajoy en Galicia ou non?

Rajoy e Feijoo o sábado en Pontevedra © PPdeG

A primeira fin de semana da campaña pareceu xirar sobre o interese de Feijoo por afastar dos comicios galegos o exame á xestión do Goberno central e os intentos dos grupos da oposición para que os recortes, a xestión económica do Executivo e o probable rescate se convirtan no centro das eleccións. Xusto coincidindo co único gran acto electoral que Mariano Rajoy protagonizará en Galicia.

Uns e outros son conscientes de que os resultados na noite do 21 poden ser moi distintos -ou suficientemente distintos- se o foco da campaña e os debates xiran sobre a crise global ou se o fan sobre a xestión específica do Goberno galego

Dá a impresión de que uns e outros son conscientes de que os resultados na noite do 21 poden ser moi distintos -ou suficientemente distintos- se o foco da campaña e os debates xiran sobre a crise global ou se o fan sobre a xestión específica do Goberno galego. Neste caso, ademais, a campaña adquiriría un perfil máis baixo o que de seguro tamén beneficiaría os intereses do PP. E non será por que na súa xestión galega o PP teña moito do que se gabar, pois mesmo aqueles dous temas dos que até agora presumiu con máis forza: as grandes contas macroeconómicas e os acordos con Pemex, están na picota.

A pesar de que boa parte das portadas de onte á noite e hoxe pola mañá dos xornais tiñan o acto conxunto de Feijoo e Rajoy na Praza de Touros de Pontevedra como primeira nova, o empeño do PP nesta fin de semana foi manter as eleccións do 21-O nun marco galego. Algo que levan intentando dende a propia escolla do seu lema: Galicia primeiro e a decisión de que os menos dirixentes estatais do partido pasen pola caravana popular nestas semanas. Non é casualidade neste senso o titular da entrevista con Feijoo que este domingo publica La Voz de Galicia é Los gallegos van a votar a Vázquez o a mí, no a Rubalcaba o Rajoy.

As mensaxes dos grupos da oposición cada vez inciden máis no contrario: que as eleccións galegas son o escenario no que se van xulgar os recorte efectuados polo Goberno central e que unha vitoria popular ratificaría estas políticas

Pola contra, as mensaxes dos grupos da oposición cada vez inciden máis no contrario: que as eleccións galegas son o escenario no que se van xulgar os recorte efectuados polo Goberno central e que unha vitoria popular ratificaría estas políticas. Este venres Rubalcaba instaba a elixir entre "un presidente galego ou alguén que aplique os recortes de Rajoy" e ao longo da fin da semana o PSdeG repetiu a mensaxe de que "unha ampla maioría dos galegos e galegas están enfadados co Goberno e cos recortes do PP e que se eses galegos que queren cambio votan o 21 de outubro a conclusión será ineludible: haberá cambio".

Coa mesma ou maior forza repetiu AGE a mensaxe de que Feijoo é apenas un "ventrílocuo" de Rajoy ou como afirmou este domingo en Vigo Yolanda Díaz o seu "mando a distancia". De feito AGE baseou a súa campaña dende o comezo na necesidade de loitar globalmente contra os causantes da crise, e neste caso as políticas de axuste de Rajoy son o mellor branco. Neste mesmo acto de Vigo Cayo Lara denunciou que Feijoo "pretende desviar a atención para que a xente non pense no señor Rajoy cando vaia ás urnas".

Quedan dúas semanas e os factores externos -a probable petición dun rescate que en principio se efectuaría en novembro- poden mudar moitas cousas de aquí ao 21

O BNG tamén carga repetidas veces contra Rajoy e as súas políticas e o mesmo venres Jorquera afirmou que "votarlle a Feijóo é darlle un cheque en branco a Rajoy para que baixe as pensións, os salarios e as prestacións por desemprego, para que sigan pagando a crise os de sempre". Con todo, o BNG tamén quixo fixar un discurso propio e o sábado e domingo centrou a súa mensaxe na reivindicación dun concerto económico para Galicia, seguindo o ronsel aberto polas reivindicacións de Catalunya e salientando que "España non está en perigo, o que está en perigo é Galicia".

Parece que boa parte do resultado destas eleccións dependerá do éxito de uns e outros á hora de enmarcar os debates nun sentido ou noutro. Quedan dúas semanas e os factores externos -a probable petición dun rescate que en principio se efectuaría en novembro- poden mudar moitas cousas de aquí ao 21.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.