Xulio Ferreiro: "Temos que evitar operacións especulativas. A historia recente amosa que non teñen final feliz"

Apertura do Foro Tecendo Litoral © Concello da Coruña

"Unha cidade non se pode pintar nunha servilleta. Non pode ser a idea xenial dun arquitecto nin o capricho dun alcalde. As cidades son creacións colectivas", con estas palabras definiu Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, os obxectivos do Foro Tecendo Litoral, que se está a desenvolver este venres e sábado na cidade, buscando contribuír ao debate público sobre os usos dos terreos do porto interior. 400.000 metros cadrados sobre os que se opoñen dúas visións completamente distintas: a defendida por Goberno central e Xunta, que se aferran ao convenio de 2004 que prevé a súa venda e a construción de milleiros de vivendas e áreas comerciais e hoteleiras, e a proposta polo Concello, que reclama, en primeiro lugar, a necesidade de que o seu deseño sexa aberto e colectivo e que a súa titularidade siga sendo pública, apostando polo mantemento de actividades produtivas ligadas ao mar e a súa integración medioambiental.

"Unha cidade non se pode pintar nunha servilleta. Non pode ser a idea xenial dun arquitecto nin o capricho dun alcalde. As cidades son creacións colectivas"

"A voz da cidade é imprescindible. Creo que hai un consenso xeneralizado na Coruña de que os convenios de 2004 xa non teñen sentido a estas alturas, que temos que redefinir os usos previstos neses peiraos que se van desocupar, que temos que procurar que ese espazo siga sendo un dos pulmóns produtivos da nosa cidade", afirmou o rexedor, que subliñou que "temos que evitar operacións especulativas que xa aprendemos da experiencia da historia recente da nosa cidade e do noso país que non teñen un final feliz". Ferreiro afirmou que ese “sentido común” foi o que sacou a máis de 4.000 persoas á rúa hai agora un ano, en defensa do común e da titularidade pública dos peiraos interiores e sinalou que "calquera iniciativa que pretenda manter a vixencia destes convenios, como é o caso do protocolo asinado hai escasos días pola Xunta e Fomento, supón prorrogar unha hipoteca e darlle osíxeno a un proxecto sen proxecto”.

"A transformación do porto é unha oportunidade para A Coruña, un momento clave só comparable ás situacións que se viviron nos anos 60 e 70. Xa temos hipotecas abondas nesta cidade", salientou Ferreiro

"A transformación do porto é unha oportunidade para A Coruña, un momento clave só comparable ás situacións que se viviron nos anos 60 e 70. Xa temos hipotecas abondas nesta cidade", salientou Ferreiro na súa intervención, que concluíu dicindo que "o borde litoral pode ser unha barreira ou pode ser unha ponte, unha porta. Hai un sentido común novo na Coruña. Temos a oportunidade de facer ben as cousas". Ferreiro criticou, ademais, que "nin o presidente da Xunta nin o presidente da Autoridade Portuaria quixesen estar hoxe aquí, uníndose a un diálogo produtivo" e denunciou que están a optar por unha vía "unilateral" que non ten en conta os intereses da cidade da Coruña e da súa poboación. Reivindicou, finalmente, o "irrenunciable dereito da Coruña a decidir o seu futuro sen chantaxes nin imposicións".

 

"Solucionar os problemas de hoxe sen hipotecar aos habitantes de mañá"

Nesta primeira sesión do Foro participaron representantes das Federación de Asociacións Veciñais, da Universidade da Coruña e da Confederación de Empresarios. E tamén os alcaldes e alcaldesa de Sada, Oleiros, Culleredo, Cambre ou Bergondo. No Foro presentáronse así mesmo as primeiras conclusións da investigación que unha serie de persoal experto vén desenvolvendo nos últimos meses, realizando unhas 60 entrevistas e xuntanzas con representantes de distintos sectores sociais ou económicos ligados á actividade portuaria ou ao espazo que ocupan os peiraos.

O director desta investigación, o arquitecto catalán Sebastià Jornet, debullou algunhas das claves da análise realizada. A primeira desas claves, seguramente a fundamental, é que "ten que ser unha construción colectiva, un relato e unha conversa na que participen todos os implicados, non o proxecto do que manda agora ou do que manda mañá". Jornet fixo fincapé, ademais, en que "non podemos volver caer no erro de vender solo publico", sen que iso impida a participación da iniciativa privada no proceso.

"Ten que ser unha construción colectiva, un relato e unha conversa na que participen todos os implicados, non o proxecto do que manda agora ou do que manda mañá", dixo Sebastià Jornet

"É unha oportunidade de recuperar a relación histórica da Coruña coa auga, co mar, que o porto non sexa unha barreira", salientou Jornet, que recomendou integrar o porto co resto da cidade, sobre todo cos barrios máis próximos (Oza, Os Castros, A Gaiteira...) e tamén coa contorna metropolitana, tanto a nivel medioambiental como económicos. Outra das suxestións que realizou é que o porto manteña actividade produtiva, sobre todo a ligada ao propio mar. Incidiu tamén nos valores do "urbanismo adaptativo", apostando por aproveitar os elementos xa existentes no lugar, reciclar e rexenerar e non tanto por estender máis a cidade.

Reivindicou, igualmente, unha sorte de urbanismo de pequenas accións, que actúe dende xa para "xerar cambios a longo prazo", unha visión -dixo- "moi diferente da que había  momento no que se asinou o convenio de 2004". E pechou a súa intervención defendendo "un urbanismo sostible. Algo tan simple como solucionar os problemas de hoxe sen hipotecar aos habitantes de mañá".

Intervención de Xulio Ferreiro no Foro CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.