O Goberno de España prevé o acollemento de arredor de 470 inmigrantes en Galicia nas próximas semanas. Segundo transcendeu, trátase maioritariamente de persoas refuxiadas que fuxiron da guerra. Inicialmente, a Xunta esgrimiu que soubo por vía "extraoficial" que serían "máis de 700" e acusou o Estado de "ocultar información". Aparentemente, non obstante, o conflito baixou de intensidade tras anunciar a Delegación do Executivo central en Galicia unha "canle de comunicación constante" ao respecto coas autoridades galegas.
O Goberno de España ultima a acollida de medio milleiro de persoas refuxiadas en Galicia
Este proceso -e outros semellantes noutros territorios- transcorre de maneira paralela ao intento do gabinete de Pedro Sánchez para modificar a Lei de Estranxeiría co fin de garantir a acollida de menores migrantes non acompañados nas diversas comunidades autónomas cando os servizos sociais de Canarias sobrepasen certos niveis de colapso. O gabinete do PSOE e Sumar pactou o texto da reforma co Goberno de Canarias, que forman Coalición Canaria e o PP.
Este é o pano de fondo co que o PP celebrou este luns en Madrid a súa Xunta Directiva Nacional. A cúpula dos conservadores convocou o encontro do seu máximo órgano directivo cadrando coa celebración en Santiago do Consello da Xunta, que nesta lexislatura pasou de celebrarse os xoves a facelo os luns por decisión do presidente, Alfonso Rueda, que optou por faltar á reunión do Goberno galego para acudir a un acto de partido no que o ex-presidente Feijóo optou pola liña dura a respecto da política migratoria, ligando inmigración con delincuencia.
O ex-titular da Xunta apela ao "dereito a saír tranquilos á rúa" e a "sentirse seguro un na súa casa" nun discurso sobre política migratoria ante a cúpula do PP nun acto convocado cadrando coa reunión semanal do Goberno galego, que encabezou Calvo en ausencia do presidente
Tras unhas semanas nas que Feijóo, como xa fixera na súa etapa na presidencia galega, veu despregando un dobre discurso sobre menores migrantes no que combinou apelacións á solidariedade coa teoría dun suposto "efecto chamada", este luns deu en reclamar "solidariedade e seguridade para os que chegan", pero "tamén para os que estamos". "Porque os españois teñen dereito a saír tranquilos á rúa" e os "valores" de España, agregou, inclúen "auxiliar" a quen o necesita, pero "tamén o respecto á cultura, ás nosas crenzas, ás mulleres, aos homosexuais" ou á "liberdade de poder sentirse seguro un na súa casa", dixo vencellando implicitamente a chegada de inmigrantes co contrario.
Rueda, pola súa parte, asegurou en respostas á prensa ás portas da sede madrileña do PP que a Xunta está disposta a "demostrar solidariedade" no "acollemento de migrantes". "Galicia non tivo ningunha dúbida", mantén o presidente, en aceptar o "cupo que se lle asignou" de menores estranxeiros sen compaña familiar porque "son persoas, son menores" e teñen que ter o "trato que merecen".
Consello dirixido por Calvo, que defende que o Goberno é "coral"
Mentres, en Galicia, en ausencia de Rueda o Consello estivo presidido polo conselleiro da Presidencia, Diego Calvo. Por primeira vez dende a primeira lexislatura con Feijóo na presidencia (2009-2012), a reunión semanal do Goberno galego está encabezada por alguén sen a condición de vicepresidente, toda vez que o xefe do Executivo decidiu, tras as eleccións do 18F, retirar ese cargo tanto a Calvo como a Ángeles Vázquez, pero mantelos como primeiro e segunda na orde de prelación tras o presidente.
Pontón: "Rueda considera máis importante ira Madrid recibir instrucións e argumentario"
Preguntado pola ausencia de Rueda para acudir ao devandito acto do PP, Calvo restoulle importancia por ser o galego un Goberno "coral" que "traballa en equipo". Ademais, agregou, Rueda "supervisou cada un dos asuntos" que foron abordados no Consello e o Executivo traballou con "normalidade" con independencia de que lle "tocase" a el encabezar a reunión e "facer esta rolda de prensa, como xa me tocou noutras ocasións".
Dende a oposición a líder do BNG, Ana Pontón, afeou que Rueda estivese "ausente porque considera máis importante ir a Madrid a recibir instrucións e argumentario do seu xefe de filas". "Merecemos máis que un presidente refén do centralismo que pon ó PP por diante de Galiza", di a portavoz nacional do Bloque.