A Xunta prorroga dous anos as 57 concesións de bus escolar malia as condenas xudiciais e eivas no funcionamento

Unha das 57 prórrogas de contratos do transporte escolar decididas pola Consellería de Educación CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Educación, que non dá explicacións, amplía noutros 80 millóns de euros o negocio das actuais adxudicatarias, unha vintena controladas polo grupo Monbus, malia que cando menos catro dos contratos foron anulados polo TSXG e están pendentes do Supremo

A Consellería de Educación vén de prorrogar por outros dous anos e uns 80 millóns de euros as 57 concesións de bus escolar que adxudicou no concurso público de 2021 co que reorganizou o sector tras anos de prórrogas ilegais. Agora a prórroga ás actuais adxudicatarias, unións de empresas controladas en boa parte polo grupo Monbus -o propio Raúl López asina unha vintena das prórrogas- prodúcese malia que ao longo destes dous anos os servizos rexistraron protestas reiteradas das familias e a propia consellería impuxo diversas sancións. 

Ademais, cando menos catro adxudicacións ao grupo Monbus foron anuladas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que considerou que eses contratos debían ser para outras empresas. Esas sentenzas están recorridas, pero, no caso de que sexan declaradas firmes, a actual prórroga deses contratos supón ampliar ao grupo Monbus un negocio que non lle correspondería e aumentar ao tempo a posible indemnización a pagar pola Xunta ás empresas prexudicadas nesas catro adxudicacións incorrectas. Educación, consultada por Praza.gal, non ofrece explicacións.

Unha das 57 prórrogas de contratos de transporte escolar decididas pola Consellería de Educación CC-BY-SA Praza Pública

A historia recente do transporte escolar en Galicia vén derivada da reorganización xeral das concesións de transporte por estrada a que se viu obrigada a Xunta polo Tribunal Supremo. Tras anos de prórrogas ilegais dos contratos criticadas polo Consello de Contas, a Xunta renovou a metade das liñas de transporte escolar -o servizo máis rendible para as empresas de autobuses- de xeito conxunto coas liñas de transporte regular, competencia da Consellería de Infraestruturas. 

Pero quedou pendente outra metade de servizos que se prestan de xeito exclusivo aos centros escolares, competencia da Consellería de Educación. O inicio dese concurso público foi anunciado polo propio presidente Feijóo en decembro de 2020 e un mes despois xa comezaban as protestas de familias que vían como as novas condicións do contrato afectaban ao servizo que viñan recibindo.

Os contratos agora prorrogados foron adxudicados hai dous anos nun concurso que a Xunta tivo que repetir polos seus propios erros e tras anos previos de prórrogas ilegais

A Consellería de Educación acabou anulando aquel primeiro concurso admitindo “erros” e “confusión considerable” nos seus pregos de condicións, con rutas elaboradas con Google Maps e previsións dun minuto por parada. No novo concurso que convocou Educación, dividido en 57 lotes, aumentouse un 15% máis a dotación orzamentaria, con 93,4 millóns de euros para dous cursos, prorrogables outros dous, fronte os 81 millóns do proceso inicial, froito de pasar de 1.574 a 1.586 rutas e de 11.269 a 11.554 paradas, admitindo así que no primeiro deseño faltaban servizos.

Do mesmo xeito, tamén corrixiu as condicións laborais. Isto, non obstante, non impediu novas correccións sobre a marcha que implicaron novas prórrogas dos anteriores contratos para que os colexios non quedasen sen servizo mentres non se adxudicaba o novo proceso.

Vehículos de transporte escolar no Courel e fragmento da resolución coa que Educación freou o primeiro concurso convocado en 2021 polos "erros" que tiñan os seus propios pregos de condicións CC-BY-NC-SA Praza Pública

Finalmente, o groso dos 57 lotes en que foi dividido o concurso foron adxudicados nos últimos meses de 2021 e, tras prever inicialmente a formalización progresiva dos contratos a medida que se remataba o proceso, Educación acabou optando por concentrar o cambio no 10 de xaneiro de 2022, máis dun ano despois de lanzar a primeira licitación e coincidindo co reinicio do curso escolar. Iso supuxo protestas da CIG, que denunciou que as anteriores concesionarias deran de baixa o persoal a finais de decembro sen que este tivese aínda concretada a súa subrogación por parte das novas empresas. 

O TSXG concluíu que en 2021 Monbus quixo "adulterar a licitación no seu proveito" e obtivo máis contratos dos que debera, polo que condenou á Xunta a dar marcha atrás a catro deles e entregalos ás seguintes empresas, pero esas sentenzas aínda non son firmes

Ademais, varios dos lotes do concurso recibiron recursos tanto administrativos como xudiciais. En catro casos, os catro adxudicados a unións de empresas dominadas por firmas do grupo Monbus, o TSXG concluíu, en sentenzas emitidas ao longo dos últimos meses, que a Xunta non fixera cumprir a condición que ela mesma impuxera para que as adxudicacións non se concentrasen nunhas poucas empresas e fosen repartidas entre todo o sector. O tribunal censurou que, pola contra, Monbus quixo "adulterar a licitación no seu proveito" e "dominaba" de forma "clara e incontestable" as adxudicacións, polo que condenou á Xunta a volver atrás no procedemento de adxudicación e entregar os contratos deses catro lotes ás empresas que quedaran en segundo lugar. 

Esas sentenzas están recorridas e no caso de que sexan declaradas firmes as empresas prexudicadas poderían reclamar unha indemnización á Xunta. Pero mentres as liñas segue a operalas Monbus, que cobrará en todo caso polo servizo prestado. Servizo que agora Educación decide prorrogar, estendendo así no tempo a situación actual, en lugar de sacalo de novo a concurso e regularizar de vez a situación.

A conselleira de Mobilidade e o conselleiro de Educación nun acto sobre o transporte escolar CC-BY-SA A conselleira de Mobilidade e o conselleiro de Educación nun acto sobre o transporte escolar

Ademais das sentenzas contra cando menos catro das 57 adxudicacións realizadas hai dous anos e que agora se prorrogan, neste tempo os servizos tamén rexistraron todo tipo de eivas, como veñen denunciando familias afectadas. E non só en xaneiro de 2022, cando mudaron as operadoras e houbo desaxustes, senón que os problemas repetíronse no comezo do curso seguinte 2022-23 e novamente neste curso 2023-24. Problemas que tamén afectan ás liñas xestionadas pola Consellería de Infraestruturas, que segundo constatou a Valedora tarda máis do que dura o curso en responder as queixas e peticións das familias.

No curso pasado Educación impuxo 75 sancións ás empresas e no comezo deste curso cifrou en 181 as "incidencias puntuais", e a xustiza vén de ratificar varias multas a Monbus por empregar autobuses peores dos comprometidos

O propio PPdeG puxo cifras aos problemas no comezo do curso pasado, cando sinalou que houbera problemas nunhas 400 liñas. Despois, a comezos deste curso, o conselleiro de Edudación, Román Rodríguez, indicou que o curso pasado impuxéranse 75 sancións e que no inicio deste curso rexistráronse 181 "incidencias puntuais".

Entre esas sancións, como avanzou Praza.gal, hai varias contra Monbus, mesmo ratificadas pola xustiza, por empregar buses máis antigos e contaminantes do que comprometera ou non prestar servizos e demoralos de xeito reiterado. A Xunta tamén abriu dous expedientes á empresa por un condutor que baixou escolares lonxe da parada e negou a folla de reclamacións.

Unha inspección da Garda Civil, que colabora coa Xunta, a un autobús escolar © Guardia Civil de Pontevedra

Pero malia todos estes antecedentes, agora Educación vén de decidir a prórroga dos 57 contratos actuais en lugar de sacalos novamente a concurso. Este diario preguntou á consellería por que tomou esa decisión e non convocou un novo proceso de selección que poida mellorar o servizo, cando menos para os contratos que veñen resultando máis problemáticos. No caso dos catro contratos anulados polo TSXG e pendentes de recurso preguntouse por que a Xunta non optou polo principio de prudencia e decidiu prorrogar igualmente o servizo con Monbus. As preguntas, formuladas o pasado martes 2 de xaneiro, seguen sen resposta case dúas semanas despois.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.