40 colexios de Galicia e Portugal emitirán conxuntamente podcasts co gallo do Día da Radio

Este 13 de febreiro celébrase o Día Mundial da Radio © Ponte nas Ondas

Este mércores 13 de febreiro celébrase o Día Mundial da Radio, establecido pola UNESCO en 2013 para conmemorar o nacemento da radio das Nacións Unidas en 1946. Como xa veu sucedendo nos últimos anos, a experiencia educativa Ponte... nas Ondas! levará a cabo unha serie de actividades para celebralo, centradas este ano na Paz, acompañando polo tanto a programación do Día Escolar pola Paz, que tivo lugar o 30 de xaneiro.

Varios centros farán radio en directo na mañá deste mércores

Ponte...nas ondas! convidou aos centros de Galicia e Portugal a producir contidos para ambas celebracións. Máis de 40 centros de Galicia e Portugal realizaron podcasts para esta celebración e varios deles, ademais, emitirán en directo na mañá deste mércores. Toda a programación emitirase a través do portal Escolas nas Ondas.

Entre os programas e directos que se poderán escoitar destacan o que o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e o CPR Jorge Juan Xuvia de Narón realizarán durante toda a mañá, construíndo así "unha ponte de emisión en directo" entre o norte e o sur de Galicia que será retransmitida en streaming de vídeo.

Así mesmo, o CEIP Raquel Camacho de A Coruña celebrará os seus 50 anos cunha emisión de Radio Coruña desde o seu centro. E o CEIP Otero Pedrayo de Vigo estará na emisora de Onda Cero en Vigo realizando o seu programa. Pola súa banda, o CEIP Carlos Casares de Alxén (Salvaterra de Miño), o Agrupamento de Escolas de Valença do Minho e o IES Terra de Turonio de Gondomar estarán na Radio Municipal de Tui. 

Participarán colexios de Narón, Salceda de Caselas, A Coruña, Vigo ou Valença do Miño, pero tamén radios de Braga, Odemira e mesmo do Brasil

Mentres, a Radio Universitaria do Minho de Braga emitirá o programa “Galiza mais perto” que semanalmente achega a realidade galega ao norte de Portugal e que ten como sintonía o tema “Máis perto” de Meniños Cantores. Outras emisoras internacionais como Radio Trovadoras do Brasil elaboraron pezas radiofónicas para emitir na xornada, o mesmo que Radio Internacional de Odemira, en Portugal, que tamén se suma ao Día Mundial da Radio cunha programación especial para Ponte...nas ondas!. Finalmente, desde a raia de Extremadura, o IES Loustau Valverde de Valencia de Alcántara (Cáceres), tamén realizou programas para emitir desde em Escolas nas Ondas.

Por outra banda, os xornalistas Ana Pérez da TVG e Kiko Novoa da Radio Galega enviaron saúdos para a audiencia de Ponte...nas ondas!

Neste Día da Radio dedicado á paz, Ponte...nas ondas! lembrará a Xesús R. Jares, coincidindo co décimo aniversario do seu pasamento. Xesus R. Jares foi profesor da Universidade de A Coruña, formador de formadores, creador e coordinador de programas de convivencia. É autor de libros como Técnicas e xogos cooperativos ou Construír a paz.

Ponte...nas ondas! lembrará a Xesús R. Jares, coincidindo co décimo aniversario do seu pasamento

O acto de entrega da II edición do premio “Recoñecemento Suso Jares” emitirase a través do portal escolasnasondas.com. Nesta ocasión foi concedido á Escola infantil Santa Cristina de Lavadores en Vigo e ás bibliotecas escolares. O galardón está organizado por Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (FOANPAS) e o grupo de traballo Educadoras/es pola Paz (AGAPPAZ) de Nova Escola Galega (NEG) 

Ponte...nas ondas! desenvolve obradoiros de radio nos centros educativos e ofrece asesoramento na 
práctica da radio escolar, "unha actividade que se está revelando como un valioso recurso para 
fomentar as competencias básicas e mellorar a comunicación e a expresión oral", destacan.

Un grupo de alumnos e alumnas nun estudio de radio escolar © Ponte nas Ondas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.