42 intervencións optan aos Premios de Arquitectura de Galicia

Escola Infantil 'A Baiuca', na Estrada © COAG

O Colexio de Arquitectos de Galicia deu a coñecer as obras finalistas da XVIII edición dos Premios COAG de Arquitectura, que contou coa candidatura de 155 propostas visadas, executadas e finalizadas entre o 31 de xullo do 2016 e o 31 de xullo do 2018. 

Están seleccionados un total de 42 obras de novas construcións, rehabilitacións ou reformas

O xurado seleccionou 6 obras na categoría de Vivenda, 5 obras en Rehabilitación, 5 en Equipamentos, 6 en Deseño Urbano, Planeamento e Paisaxe, 5 en Obras de Reforma e Interiorismo, 5 en Arquitecturas Efémeras e de Baixo Custo, 5 en Divulgación, Investigación e Deseño, e 5 en Proxecto Fin de Carreira. O Premio á Traxectoria Profesional farase público nos próximos días. Os galardóns entregaranse nunha gala que terá lugar o vindeiro 29 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol ás 20 horas.

Entre os 42 finalistas hai vivendas construídas en Compostela, Oleiros ou Baños de Molgas. Tamén rehabilitacións realizadas na Coruña, Moaña, Ferrol, Lugo ou Vedra, destacando por exemplo os traballos no edificio do vello cárcere de Lugo, convertido nun centro cultural, ou na estación de ferrocarril de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra).

Os galardóns entregaranse o vindeiro 29 de marzo no Teatro Jofre de Ferrol

Aparecen igualmente un gran número de inmobles dotacionais, como as escolas infantís de A Veigadaña (Mos) ou da Baiuca (A Estrada), así como obras de reformas e interiorismo. E intervencións de deseño urbano e paisaxe, como as levadas a cabo en Outes, Carballo ou Noia. Ou o Proxecto de zonificación e equipamento no Parque de Bens (A Coruña) e o proceso de participación cidadá para a mellora da calidade ambiental e a mobilidade; pacificación do tráfico e integración da bici no centro urbano de Ourense.

Edificio do vello cárcere de Lugo, convertido nun centro cultural © COAG
Escola infantil na Veigadaña, Mos © COAG
Recuperacion da estación de ferrocarril en Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) © COAG
Librería Lectocosmos, en Lugo © COAG
Vivendas na Choupana, en Compostela © COAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.