O paso da borrasca Herminia por Galicia deixou e segue deixando centos de incidencias. Case 2.000 foron rexistradas polo 112 desde a fin de semana, a maioría relacionadas coa caída de árbores, cables, postes e desprendementos de terra e pedras. O temporal continuou pola noite e volveu provocar problemas á espera da entrada de Ivo, outro fenómeno adverso que, ante as previsións de fortes ventos, obrigou xa a suspender as clases en toda a Mariña lucense este mércores 29.
A borrasca 'Herminia' provocou case 2.000 incidencias desde a fin de semana
Entre as incidencias, como destacou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras a reunión semanal do Goberno da Xunta o luns, as feridas que o derrubamento dun tellado causou en dous veciños de Lalín, que xa foron dados de alta, ou as dun garda civil ao que lle caeu unha árbore na AP-9 en Vilaboa (Pontevedra) e que "permanece estable dentro da gravidade". Ademais, un raio derrubou a cheminea dunha casa e caeu sobre un vehículo en Trazo, provocando un incendio aínda que sen danos persoais. En Ortigueira, un raio, dos máis de 1.200 que caeron en Galicia nas últimas horas, rompeu o muro dunha igrexa.
O xefe do Executivo galego aludiu tamén a un accidente cun morto en Amoeiro debido a unha saída de vía, aínda que o 112 non inclúe o sinistro entre as consecuencias da borrasca Herminia.
O temporal suspendeu as clases en dous centros da Pobra e fixo voar a cuberta da piscina municipal en Noia, onde tamén afectou un cruceiro de 1879
Outras incidencias que si foron causadas por este temporal, aínda que sen danos persoais, foron as ocorridas no Barbanza este luns. Na Pobra do Caramiñal, os bombeiros tiveron que se desprazar ata o colexio Pilar Maestu Sierra ao soltarse a cuberta do campo de fútbol, mentres que no IES da Pobra, unhas láminas de pladur caeron sobre un corredor e varias máis ameazaban con desprenderse tamén, polo que foron suspendidas as clases nos dous centros.
En Porto do Son, xa na noite do domingo, os bombeiros tiveron que retirar os elementos dun balcón que se desprendeu na rúa. Ademais, en Noia, tamén na fin de semana, os fortes refachos fixeron voar a cuberta da piscina municipal, mentres que na mesma localidade, na parroquia de Barro, o vento danou o emblemático cruceiro da Eiroa, do ano 1879.
As incidencias foron continuas en case toda Galicia: en Compostela os bombeiros interviron ante o afundimento parcial dun coche no río, mentres que a caída de árbores provocou problemas en varias zonas de Galicia, danando nalgúns casos varios coches, como ocorreu no municipio de Culleredo ou en Sada, neste caso pola caída dun tellado. Houbo tamén moitos problemas en Vigo e ríos desbordados en varios puntos do país.
O forte vento foi —e aínda é nalgúns puntos— o principal problema, con refachos que superaron 80 km/h en moitas comarcas do interior e que pasaron dos 140 km/h nalgún punto como na estación de Penedo do Galo en Viveiro de madrugada. Unha cifra que case se acada en Muras a primeira hora da mañá.

'Herminia' deixou sen luz durante varias horas 13.000 persoas, das que 7.000 aínda teñen problemas
Precisamente, tamén no norte de Galicia, Renfe informaba este mediodía do restablecemento da circulación para trens de media distancia entre A Coruña e Ferrol, que quedara interrompida o pasado domingo por mor do temporal, ao igual que ocorrera na liña de vía estreita que conecta Ferrol, Ribadeo e Oviedo. Ademais, os voos de primeira hora con destino a Madrid desde os aeroportos da Coruña e Vigo foron cancelados.
A borrasca Herminia tamén deixou unhas 13.000 persoas sen subministro eléctrico en Galicia durante horas, segundo os datos facilitados por Naturgy, que mobilizou 500 persoas para arranxar uns problemas que se van solucionando e xurdidos, fundamentalmente, pola caída de árbores e pólas sobre liñas da rede.
Malia que o temporal amaina en terra, todo o litoral do país, agás a Mariña, segue aínda en alerta vermella por ondas que chegaron e mesmo superaron os dez metros nalgún punto, mentres que a chuvia causa tamén problemas, con alerta amarela en varios puntos do interior de Lugo e Ourense e que mañá se estenderá a Pontevedra.
Con todo, como lembrou o presidente da Xunta, a alerta por fortes ventos mantense durante todo o luns en boa parte de Galicia, mentres que no mar, a alerta vermella estenderase ata primeiras horas do martes en todo o litoral da provincia da Coruña e nas Rías Baixas.
De feito, a chegada doutra borrasca, denominada Ivo, volve pór en aviso algunhas zonas de Galicia. Haberá alerta laranxa por vento en terra na Mariña e amarela en moitas outras comarcas, mentres que case todo o litoral galego estará tamén en alerta laranxa. Para o xoves prevese que case toda a costa galega estea en alerta vermella por fortes ventos e grandes ondas.