A borrasca Martinho deixa máis de 600 incidencias en Galicia e varios feridos

Intervención dos bombeiros en Cangas pola borrasca Martinho CC-BY-SA Concello de Cangas

O temporal Martinho está a deixar numerosas incidencias en Galicia desde a madrugada do mércores ao xoves. Os fortes refachos de vento, que superaron os 160 km/h nalgunha zona de Ourense, provocaron caídas de árbores, desprendementos de tellados e cornixas, así como numerosos accidentes de tráfico

Máis de 600 incidencias foron rexistradas, a maioría delas entre a medianoite e as 18 horas do xoves, algunhas delas obrigando a suspender clases, como aconteceu en institutos de Cangas e de Cerceda, ao afectar o forte vento aos tellados. Na localidade do Morrazo, foron dous centros educativos e mais o pavillón deportivo os afectados, o que levou o Concello a cortar o tráfico e pedir a veciñanza que non se achegase á zona. 

Intervención dos bombeiros en Boiro pola borrasca Martinho CC-BY-SA Bombeiros de Boiro

O vento afectou as cubertas de institutos en Cangas e Cerceda, obrigando a suspender as clases

Tamén en Cangas se produciu algunha caída de árbores, mesmo sobre un coche cun ocupante dentro, aínda que non houbo que empregar material de excarceración. Ademais, a caída do tellado dunha nave en Domaio obrigou a cortar a estrada cara a Moaña. 

Na provincia de Pontevedra, a máis afectada, foron precisamente as caídas de pólas e árbores as que causaron a maior parte das incidencias, con feridos aínda que sen gravidade, ao igual que noutras áreas como a de Santiago, onde un turismo bateu contra unha das árbores caídas provocando un choque en cadea con tres vehículos implicados. Do mesmo xeito, a circulación ferroviaria entre Ourense e Monforte tamén se viu afectada

Tamén na cidade da Coruña, por exemplo, caeu parte da fachada dun edificio no barrio da Sagrada Familia, provocando feridas nun peón que pasaba pola zona, así como danos en varios coches. Noutra urbe, en Vigo, a policía local contabilizou case 70 incidencias polo temporal, debidas ao desprazamento de contedores ou ao desprendemento de paneis e uralitas. 

Ademais, a borrasca Martinho provocou que a Comisión Escolar de Alertas decretase a suspensión de actividades no exterior nos centros educativos das zonas oeste e suroeste da provincia da Coruña en horario de mañá e que moitos concellos de Galicia optasen polo peche de parques e xardíns. 

En total, foron 336 as incidencias relacionadas con árbores e pólas caídas nas estradas, 97 actuacións para a prevención de riscos e 76 incidentes relacionados con carteis, cables e postes afectados polo vento. Tamén houbo 44 derrubas ou desprendementos de tellados. 

Entre os municipios máis afectados destacan Ribeira, Cee, Fisterra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Estrada, Sarria, Chantada, Lugo, Ourense e Xinzo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.