A demolición dun viaduto na Coruña pon fin a un símbolo do culto ao coche

Demolición do viaduto da ronda de Nelle, na Coruña © Concello da Coruña

Algún veciño veterano da zona non dubidou en colocar unha cadeira e sentar para ver como, por fin, 40 anos despois, o viaduto que se eleva no cruzamento entre a rolda de Nelle e a avenida Fisterra da Coruña comezaba a ser demolido. Símbolo do descontrolado e deshumanizado desenvolvemento urbano de finais dos 70 e dos 80, as escavadoras rematarán con el de vez neste Entroido, acabando tamén co que para moita da veciñanza foi unha entroidada demasiado longa. 

A demolición do viaduto da rolda de Nelle pon fin a un símbolo do descontrolado e deshumanizado desenvolvemento urbano dos 70 e 80 na Coruña

A derruba foi impulsada e licitada polo anterior goberno local da Marea Atlántica e adxudicada e executada polo actual socialista. "Curiosamente, unha das obras máis importantes do mandato da Marea Atlántica é unha demolición", lembra Xiao Varela, ex-concelleiro de Rexeneración Urbana no anterior executivo, que destaca que esta fin de semana "rematan 40 anos de sufrimento para a veciñanza do viaduto". "Ben merecen unha rúa máis humana pensada para as persoas e non só para os coches", destaca. 

Viaduto da rolda de Nelle, na Coruña, no inicio das obras de demolición © Concello da Coruña

Abofé que pouco se pensara nos peóns nin nos veciños da zona cando naquel 1978, e co obxectivo de superar os atrancos circulatorios que se producían na encrucillada da rolda de Nelle e a avenida de Fisterra, decidiuse apostar por elevar un viaduto por riba da segunda das vías, á altura das fiestras de varias vivendas, pegado ás fachadas e incrementando algo máis a suciedade, a contaminación e o ruído nunha das zonas da cidade con maior contaminación acústica por tráfico rodado. 

Todas esas ventás que case baten co asfalto amosan agora a ruindade do paso do tempo, desa suciedade e do abandono daquelas casas que deixaron familias fartas do ruído e dos coches, dos máis de 20.000 que agora pasan diariamente pola estrada, pero que foron moitos máis. 

Construído, ademais, ao pé do barrio da Agra do Orzán e xusto cando este era un dos de meirande densidade de poboación de toda Europa, nos lindes coa Sagrada Familia, outro barrio popular saturado de vehículos, o viaduto foi erguido cando alí xa estaban os edificios. Aínda no franquismo, os veciños da zona tiveron que contribuír con cotas de entre 100 e 200 pesetas para a construción que acabaría por escurecer e degradar aquela área. 

O viaduto, erguido cando xa estaban os edificios, obrigou moitas familias a deixar os pisos que case batían co asfalto, fartas de ruídos, suciedade e contaminación

A estrutura servía de barreira entre os barrios e o inicio da costa que levaba ao centro, a aquela cidade real á que se baixaba e da que se subía. E os seus baixos viraron tamén en aparcadoiro improvisado. Sobre a beirarrúa, ducias de coches ciscados a calquera maneira, mantendo unha tradición cidadá que desaparece moi aos poucos. Pero tamén de pequeno vertedeiro improvisado e de acubillo da chuvia ás escuras. Moi ás escuras. 

Arriba, recreación da futura zona onde se erguía o viaduto (abaixo) © Mrea Atlántica

Desde hai máis dunha década, veciñanza organizada propúxose acabar con ese viaduto "antiestético" que obrigou a marchar a moitas familias que agora ven como aqueles pisos se revalorizan xa ante o lavado de cara dunha zona que terá máis verde, un cruzamento semafórico e ata un carril bici que vén de Riazor e segue ata Catro Camiños. 

"Foi unha obra moi agresiva que puxo a circulación dos coches por diante de todo o demais e enterrou varias vivendas entre ruído e fume", lembraba o anterior goberno local sobre un proxecto que, actualmente, nin sequera está xustificado pola elevada circulación que acollía, ao diminuír nun 40% o tráfico pola rolda de Nelle desde a apertura da Terceira Rolda. 

"Foi unha obra moi agresiva que puxo a circulación dos coches por diante de todo o demais e enterrou varias vivendas entre ruído e fume"

Con todo, foron moitos os anos de espera. A primeira proposta, xa co goberno de Francisco Vázquez, foi a substituír a infraestrutura por un túnel subterráneo, unha opción que tampouco era vista con bos ollos por moitos veciños que advertían do muro que suporía para unha área que xa é límite abondo entre os barrios máis populares e a zona de Cidade Xardín, Paseo das Pontes ou o centro. 

Veciñanza e membros da Marea Atlántica celebra a demolición do viaduto © Marea Atlántica

Finalmente, o executivo da Marea Atlántica optou pola opción que agora ratifica o actual executivo socialista tras o acordo pactado entre ambas formacións. Logo do Entroido iniciarase a terceira fase das obras ata o 5 de marzo. A partir de maio, comezarán os traballos de reurbanización que acabarán por humanizar unha intersección onde os coches reinaron demasiado tempo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.