A enxeñeira non superou unha das fases do proceso de selección a pesar de obter unha das mellores puntuacións porque o seu perfil era "demasiado maduro"
No ano 2020 unha enxeñeira de 32 anos que traballaba nunha empresa auxiliar de Navantia en Ferrol presentouse a unha convocatoria lanzada pola empresa pública para cubrir 42 prazas de técnicos superiores. Tras superar dúas fases no proceso de selección, despois dunha terceira fase de dinámicas grupais e entrevista persoal non apareceu entre as seleccionadas para a seguinte fase.
Estrañada polo sucedido, pois consideraba que o fixera particularmente ben, púxose en contacto coas persoas responsables do proceso de selección, que lle comunicaron que presentaba “demasiada madurez para unhas prazas júnior", polo que lle recomendaban que se presentase a algunha convocatoria de prazas sénior. O problema para ela era que as prazas sénior non se convocan con frecuencia e que ademais esixen unha titulación e experiencia moi especializadas coas que ela non contaba.
O TSXG deulle a razón na súa reclamación e o Tribunal Supremo confirmou o ditame, obrigando a empresa a a incluír na seguinte fase do proceso a aspirante excluída
En concreto, segundo puido saber na súa reclamación, non figurou entre as 126 persoas escollidas para a fase seguinte a pesar de ser 13ª aspirante con mellor puntuación nas fases nas que concorreu. Os avaliadores destacaban que a aspirante “asume o liderado do grupo", se amosaba “máis rápida mentalmente" e chegaba "antes ás conclusións que o resto dos compañeiros” e mostraba un “maior nivel de responsabilidade e madureza” ou un “coñecemento profundo do seu traballo”, pero a conclusión era que “ten un perfil que non encaixa para estas 42 prazas júnior”, xa que é “un perfil demasiado maduro”.
A muller presentou unha demanda ante o Xulgado do Social de Ferrol, que deu a razón á empresa, pero en cambio en 2023 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza en favor da enxeñeira, concluíndo que "non é razoable entender que a parte recorrente non debera superar a fase que nos ocupa, en atención á proba de dinámica de grupo que efectuou" e subliñando que "cumpre excelentemente cos requisitos para as prazas convocadas e co as características dun posto de técnico superior segundo o convenio".
O Tribunal Superior sinalou que a actitude da empresa fora "arbitraria e contraditoria" e sentenciou que se vulneraran "os principios de igualdade, mérito e capacidade"
O Tribunal Superior sinalou que a actitude da empresa fora "arbitraria e contraditoria" e sentenciou que se vulneraran "os principios de igualdade, mérito e capacidade" e a "necesaria adecuación entre o proceso selectivo e as funcións ou tarefas a desenvolver como persoal técnico superior". O TSXG condenou a Navantia a incluír á aspirante excluída na seguinte fase do proceso, sen que iso afectase "aos contratos de traballo que xa se puideran celebrar coas persoas seleccionadas".
Navantia recorreu a sentenza ante o Tribunal Supremo, pero o pasado mes de outubro este ratificou o ditame do TSXG e converteuno en firme, reiterando a obriga da empresa de convocar de novo á aspirante para o proceso selectivo: "Declaramos a parte actora como incluída dentro das persoas aspirantes que superaron a fase de dinámica de grupo e entrevista persoal (...) condenando a empresa demandada a que convoque a parte actora para a derradeira fase de tal proceso selectivo, con anulación de todo o realizado en tal proceso desde a valoración da fase de dinámica de grupo e entrevista persoal".
A nova sentenza abriu un prazo para que Navantia acatase de xeito voluntario o ditame e o xuíz deu de prazo ata o pasado 18 de decembro, sen que a aspirante á praza tivese aínda noticias de acción ningunha por parte da compañía
A nova sentenza abriu un prazo para que Navantia acatase de xeito voluntario o ditame. Superado ese prazo, a demandante solicitou a execución de sentenza e o xuíz deu un prazo dun mes para que se cumprise o ordenado polo tribunal, un prazo que foi superado o pasado 18 de decembro sen que a aspirante tivese noticias de acción ningunha por parte da compañía, segundo denuncia a través do sindicato CGT, que critica que esta "reiterada violación da lei" por parte de Navantia é "dobremente grave por tratarse dunha empresa pública, que debería ser especialmente respectuosa coa legalidade".
Fontes da empresa consultadas por Praza.gal defenden que "o proceso para dar cumprimento á execución da sentenza si se iniciou por parte de Navantia". Hai, polo tanto, dúas interpretacións distintas sobre os prazos e a maneira de facelo
Fontes da empresa consultadas por Praza.gal defenden, pola contra, que "o proceso para dar cumprimento á execución da sentenza si se iniciou por parte de Navantia, en tanto en canto significa continuar co proceso de selección respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade". Hai, polo tanto dúas interpretacións distintas sobre a maneira e os prazos para retomar o proceso de selección, unha situación que mantén a enxeñeira aspirante a esta praza junior nunha especie de limbo ata que se complete a convocatoria.