A empresa, que operaba en Redondela sen licenza e incumprindo ordes de paralización, provocou "graves perturbacións do repouso e descanso, estrés, malestar, ansiedade e diminución do rendemento laboral e intelectual" dos veciños
A Audiencia Provincial de Pontevedra, na súa sala con sede en Vigo, xulgará a próxima semana ao administrador único e a apoderada dunha empresa de fabricación de formigón instalada en Redondela, na parroquia de Vilar de Infesta, por delito contra o medio ambiente na súa modalidade de contaminación acústica e catro delitos de lesións. A Fiscalía considera que os ruídos e vibracións que emitía a empresa danaron a saúde de varios veciños e pide tres anos de cadea para cada acusado polo delito ambiental e nove meses de cadea por cada un dos catro delitos de lesións, ademais do pago de multa e indemnización ás persoas afectadas.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, a empresa instalouse en Vilar de Infesta en 1989 e iniciou a súa actividade "carecendo de licenza, a cal lles foi concedida no ano 1998 e posteriormente anulada no ano 2008".
Desde 2005 e cando menos ata 2011 a fábrica "veu realizando emisións de ruído excesivo, causando desde ese momento graves prexuízos e molestias derivadas dos ruídos e vibracións procedentes das súas instalacións" a varios veciños dunha vivenda contigua.
En 2005 o Concello de Redondela abriu un expediente sancionador e ditou orde de paralización, "pese ao cal a mercantil seguiu desenvolvendo a súa actividade e incumprindo a orde de paralización".
En 2008 impúxose outra sanción, confirmada posteriormente pola xustiza, e anulouse a licenza da empresa. Ademais, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decretou "a paralización da actividade da fábrica tanto en horario nocturno como en horario diúrno". Pero a empresa seguiu funcionando e, segundo a fiscalía, o seu ruído e vibracións provocaron "graves perturbacións do repouso e descanso, estrés, malestar, ansiedade e diminución do rendemento laboral e intelectual" dos veciños.