A quinta onda da pandemia, que acadou o seu pico de contaxios en Galicia nos últimos días de xullo, leva case un mes remitindo. Porén, os datos dos últimos días comezaron a amosar unha ralentización desa mellora e este martes, por primeira vez no que levamos de agosto, a incidencia acumulada a 7 días (a que mellor reflicte os cambios de tendencia) aumenta en Galicia.
Este martes Sanidade notifica a detección de 402 novos casos, un número moi semellante aos 405 de hai sete días
Sitíuase nos 149 casos por cada 100.000 habtiantes en 7 días, por riba dos 144 do día anterior e moi preto dos datos dos tres días precedentes (150, 152 e 150, respectivamente). A incidencia a 14 días, iso si, continúa a descender, aínda que cada vez o fai a menor ritmo, situándose este luns nos 322 casos por cada 100.000 habitantes.
A incidencia a 7 días aumenta en Lugo e Santiago de forma clara e tamén o fai en Ourense, aínda que a menor ritmo
A incidencia a 7 días aumenta en Lugo e Santiago de forma clara e tamén o fai en Ourense, aínda que a menor ritmo. Ferrol baixa, pero os seus datos están bastante estabilizados e só continúan a reducir a súa incidencia de forma clara as áreas sanitarias da Coruña, Vigo e Pontevedra, que eran precisamente as zonas con valores máis elevados.
Este martes Sanidade notifica a detección de 402 novos casos, un número moi semellante aos 405 do pasado martes
No último mes morreron 99 persoas en Galicia con COVID
Segue a producirse un goteo constante de falecementos pola COVID. Este martes hai que engadir 6 novos falecementos, que elevan a 2.546 a cifra total dende que comezou a pandemia. No último mes morreron 99 persoas en Galicia despois de contaxiarse coa COVID.
O número de camas ocupadas nos hospitais comeza a descender, despois de tres semanas de datos estancados
As boas novas chegan dos hospitais, nos que o número de camas ocupadas comeza a descender, despois de tres semanas de datos estancados. Este martes, Sanidade informa de que nas UCI hai 58 pacientes COVID, cinco menos que hai sete días. Ademais, a cifra total de persoas hospitalizadas cun diagnóstico de COVID é de 300, 26 menos que o pasado martes. É a cifra máis baixa dende o pasado 29 de xullo.
A incidencia continúa a ser moi alta en Ordes, A Veiga, Rábade, Muxía, Laxe e A Pastoriza, todos eles por riba dos mil casos por cada 100.000 habitantes en 14 días
Por concellos, a incidencia continúa a ser moi alta en Ordes, A Veiga, Rábade, Muxía, Laxe e A Pastoriza, todos eles por riba dos mil casos por cada 100.000 habitantes en 14 días. Destaca tamén o elevado número de casos en Monforte (cunha IA de 987 casos) e Betanzos (873).
Nas cidades, case todas elas presentan unha tendencia de descenso, agás Lugo, que aumenta lixeiramente e se achega xa aos datos de Ferrol, A Coruña e Vigo, as tres urbes con máis casos por habitante.