A nave do horror en Ordes: 250 cadáveres e 171 animais máis "en condicións extremas"

Un axente da Garda Civil, no criadeiro ilegal de Mesón do Vento CC-BY-SA Garda Civil

250 cadáveres de distintas especies, principalmente cans e aves, moitos deles en estado de descomposición e algúns momificados, xunto a animais vivos que se alimentaban dos restos dos mortos entre canceiras e gaiolas cubertas de excrementos. 

Ese foi o panorama que atopou o Seprona no rexistro dun centro de cría de animais clandestino que operaba na parte traseira do almacén dun local no Mesón do Vento, no concello de Ordes. A nave, xa desmantelada, atopábase nunhas "condicións de salubridade e benestar animal extremadamente deficientes", segundo explica nun comunicado a Garda Civil. 

Un axente da Garda Civil, no criadeiro ilegal de Mesón do Vento CC-BY-SA Garda Civil

O responsable foi xa detido polos axentes logo dun operativo que se iniciou logo dunha primeira inspección levada a cabo pola patrulla Fiscal e de Fronteiras de Noia. 

A Garda Civil detivo xa o responsable dun criadeiro ilegal "en condicións de salubridade e benestar animal extremadamente deficientes"

No rexistro, ademais dunha enorme cantidade de cadáveres, atopáronse 171 animais vivos "en condicións extremas debido á insalubridade do lugar". Segundo explica a Garda Civil, os axentes localizaron cans, chinchillas, cabalos ananos, galiñas, patos e outras aves, incluídas especies exóticas e protexidas como dúas cacatúas rosas e dous guacamaios. 

Medicamentos sen receita e caducados

Ademais, durante a inspección a Garda Civil tamén se incautou dunha gran cantidade de medicamentos e material veterinario de uso profesional, sen receita e, maioritariamente, caducado. Todos os animais vivos foron xa recollidos e reenviados a centros "axeitados para a súa recuperación e benestar". 

Ante estes feitos, o Seprona da Coruña xa instruíu dilixencias por supostos delitos de maltrato animal, posesión ilícita de especies protexidas e intrusión profesional no ámbito da veterinaria. O detido xa foi posto a disposicon do Xulgado de Instrución de Garda de Ordes. 

Un axente da Garda Civil, no criadeiro ilegal de Mesón do Vento CC-BY-SA Garda Civil

A inspección, segundo explica a Garda Civil, realizouse en colaboración con inspectores-veterinarios do Servizos de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade. 

A Xunta recibiu a autorización xudicial para retirar desde o pasado venres os restos dos animais mortos que foron localizados nesta nave. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.