A presión hospitalaria pola COVID aumenta malia que xa van catro días sen ingresos nas UCI

Material para a toma de mostras dunha proba PCR © Goberno de Navarra

Galicia achégase aos 8.600 casos activos de COVID logo de diagnosticar perto de 700 novos nas últimas 24 horas, unha tendencia que aumenta a presión hospitalaria aínda que o número de persoas hospitalizadas nas UCI mantense estable desde hai xa varios días

O número de persoas na UCI con COVID mantense en 35 pero xa hai 202 noutras unidades, case un cento máis que hai unha semana

Así, e segundo os datos publicados este luns pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18 horas deste domingo, os ingresos son de casos menos grave ao manterse en 35 a cifra de pacientes ingresados na UCI polo coronavirus, o mesmo número que na xornada anterior, un menos que o pasado venres e nove máis que hai unha semana. 

En canto ás persoas con COVID hospitalizadas noutras unidades, son xa 202, case un cento máis que hai unha semana e 14 máis que na xornada anterior. En total, son 237 os doentes hospitalizados con coronavirus en Galicia, 97 máis que hai sete días logo de superar a barreira dos 8.000 casos activos por primeira vez desde finais de agosto. 

Aquel día 30, eran pouco máis de 8.000 as infeccións activas de COVID en Galicia, con 54 persoas na UCI (unhas 20 máis que agora) e un total de 255 nos hospitais, tamén perto dunha vintena máis que nesta altura. 

A evolución da COVID segue á alza ao superar ampliamente os contaxios ás pouco máis de 300 altas nas últimas horas e logo de que o número de contaxios activos se multiplicase por dez en apenas un mes. Todo malia que o menor número de PCR no pasado domingo provoque un lixeiro descenso con respecto ao día anterior. 

Ademais, a Consellería de Sanidade notificou tres novos falecementos, polo que o número de vítimas mortais diagnosticadas con COVID en Galicia é xa de 2.681 desde que empezara a pandemia. 

Os casos de COVID soben en todas as áreas, sendo a de Vigo a máis preocupante cun total de 2.589 casos, 140 máis, seguida da de Ourense con 2.140 doentes con infección activa, 99 máis. Na de Coruña contabilízanse 1.172 casos (+35), mentres que a de Pontevedra rexistra 1.022 (+79); a de Lugo, 650 (+5); a de Santiago, 614 (+19); e a de Ferrol, 393 (+10). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.