A propiedade da Torre dos Moreno de Ribadeo marcha de vez a Asturias e Madrid

Vista da Torre dos Moreno, con estadas na parte baixa por mor da súa deterioración © Concello de Ribadeo

A coñecida como Torre dos Moreno é un emblema de Ribadeo. Mandárona construír a comezos do século XX os irmáns Pedro e Juan Moreno Ulloa, dous indianos que fixeron reverter parte do seu éxito na Arxentina en diversos investimentos sociais na súa vila natal e tamén neste edificio, construído seguindo o proxecto do arquitecto arxentino Julián García Núñez, considerado discípulo de Antoni Gaudí, que aplicou modernos deseños e materiais, como a combinación de formigón e ferro.

Pero malia ser unha icona ribadense e unha xoia arquitectónica, cualificada ademais como Ben de Interese Cultural dende 1997, o certo é que este edificio do 1915 acumula varios lustros de forte deterioración. Por ese motivo chegou a ser inserida na Lista Vermella do Patrimonio.

A empresa Paisajes de Asturias suma ao seu 60% de propiedade da deteriorada Torre dos Moreno ao 21% ata agora nas mans do Concello mediante unha permuta coa que o consistorio obtén outro edificio para instalar o Xulgado de Paz

Agora esa ameaza semella aproximarse á súa fin, aínda que pola vía do cambio da propiedade. O Concello de Ribadeo, que dende hai anos advirte da imposibilidade para as arcas municipais de asumir uns traballos de rehabilitación que non suporían menos de 5 millóns de euros, vén de permutar a súa parte da propiedade, o 21%, coa empresa Paisajes de Asturias, que xa contaba co 60%. O 19% é de propiedade descoñecida, aínda que en varias ocasións foi apuntada a posibilidade de que corresponda a herdeiros dos propietarios orixinais, en Sudamérica.

A Torre dos Moreno está ao carón da casa consistorial de Ribadeo (dereita), no centro da vila © Turismo de Galicia

A compañía, impulsada por empresarios asturianos e que xa rehabilitou para usos hostaleiros e hoteleiros varios edificios singulares, tivo a súa sede inicial en Oviedo, se ben en 2016 cambiou o seu domicilio fiscal ao centro de Madrid, segundo o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil. Segundo o acordo ao que vén de chegar co Concello, a Administración local recibe a cambio un edificio rehabilitado que, cunha marxe de dous anos, acollerá o Xulgado de Paz.

Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo: "Demos un paso definitivo na resolución final para a situación da Torre dos Moreno", cuxa rehabilitación integral sería "imposible" para o Concello, di

A xuízo do alcalde ribadense, Fernando Suárez, "vimos de dar un paso definitivo na resolución final" para "o problema da situación de perigosidade da Torre dos Moreno". A operación conta con informes da Xunta que, lembra Suárez, tería prioridade sobre a propiedade por tratarse dun BIC, pero non optarán a ela. O histórico edificio, advirte o rexedor, estaba nunha "situación insostible, tanto polo seu estado de conservación como polo perigo para terceiros, polos desprendementos de anacos de fachadas e da cuberta".

Nesa situación o Concello, que contaba cunha parte "minoritaria", tería que mercar a propiedade enteira e asumir "despois, a maiores, a rehabilitación integral do edificio sen unha finalidade concreta". Todo isto, coida, requiriría unha "cantidade de recursos" sinxelamente "imposible" de abordar para o consistorio. "

Atendendo sempre ao consello dos técnicos, buscamos esta solución" e agora a empresa Paisajes de Asturias, "reforzada na súa porcentaxe de propiedade", xa "non ten escusa, ten vía libre para a rehabilitación, mellora e conservación deste inmoble", onde pode desenvolver "as actividades que, lexitimamente, pretendan como propietarios", pero respectando as regras que afectan aos BIC, como a apertura ao público un mínimo de catro días mensuais. "Agardamos que nun futuro, o máis axiña posible, as xentes de Ribadeo poidamos ver un emblema, símbolo do patrimonio urbanístico ribadense, rehabilitado e con todo o esplendor que tivo hai agora un século", conclúe Fernando Suárez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.